O PP de Pontevedra urxe unha solución definitiva á obra do Estadio Municipal de Pasarón: “nin o Pontevedra CF nin os afeccionados merecen seguir agardando máis tempo”

Redacción
  • Despois do compromiso amosado pola Deputación de Pontevedra de custear o 50% da obra “xa non hai escusas nin se lle pode seguir botando a culpa a outras administracións”
  • O concelleiro Guille Juncal asegura que de non iniciarse as obras de reforma integral do céspede no prazo establecido o Goberno de Lores “condenaría ao club a xogar unha tempada máis nun campo que non cumpre os requisitos mínimos”

O Partido Popular de Pontevedra urxe unha solución definitiva e urxente á obra de mellora integral do céspede do Estadio Municipal de Pasarón. O concelleiro Guille Juncal amosou hoxe a preocupación do grupo municipal do Partido Popular pola demora dunhas obras “que deberían de ser prioritarias e urxentes” para evitar que o club se vexa condenado a xogar unha tempada máis nun campo que non cumpre os requisitos mínimos”.

Juncal considera que nin o Pontevedra CF nin os afeccionados merecen seguir agardando máis tempo por uns traballos que “tiñan que terse executado durante o a época estival, fóra da tempada deportiva”. E menos agora que a Deputación de Pontevedra vén de amosar o seu firme compromiso de custear o 50% da obras, cunha achega de 850.000 euros, empregando a mesma fórmula que se vai utilizar para a obra do Estadio Municipal de Balaídos.

“Non estamos a falar dun problema que acaba de xurdir”, apunta Juncal, que explica que a problemática do tapete de Pasarón vén de anos atrás e mesmo en “2023 se puxeron certos parches que, lamentablemente, non serviron para moito. Os que imos a Pasarón cada fin de semana podemos constatar a situación lamentable e indigna na se atopa o céspede” dunha das instalacións deportivas máis senlleiras da cidade de Pontevedra.

Na auditoría interna encargada polo Goberno de Lores especificábase que o custo da reforma integral achegaríase aos 1,7 millóns de euros e para executar as obras en prazo deberían de estar adxudicadas as mesas este outono. “Unha vez máis o Concello de Pontevedra está a dilatar os prazos e, se os trámites administrativos necesarios para sacar a licitación e Lores e o BNG condenarían ao Pontevedra CF e aos seus afeccionados a xogar, unha tempada máis, ademais da presente, nun campo que non cumpre os mínimos requiridos. E isto é responsabilidade única e exclusiva dunha persoa, Miguel Anxo Fernández Lores, e da administración titular da instalación deportiva: o Concello de Pontevedra”, explica Juncal.

O concelleiro do Partido Popular pídelle a Lores que deixe de desviar a atención, de dilatar os prazos “e de usar aos clubs e aos seus afeccionados como arma electoralista. Que deixe de botarlle a culpa ao resto de administracións que si están a cumprir con Pontevedra e co deporte pontevedrés”, lembrando o compromiso de aportación anunciado onte pola Deputación de Pontevedra e tamén os 3 millóns de euros que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, comprometeu con Pontevedra co Concello de Pontevedra.

Juncal recalcou que cando se anunciou o convenio de colaboración entre a administración autonómica e a local “o Concello xa tiña constancia do evidente deterioro que sufría o tapete de Pasarón e xa puxera uns parches en 2023, polo que o Concello de Pontevedra puido ter a suficiente previsión para incluír esta obra urxente e necesaria no convenio coa Xunta de Galicia”.

“Que Lores se deixe de escorrer o vulto e de tentar sacar rédito político a costa de criticar outras administracións. Ten capacidade, ten crédito e a colaboración económica da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. Non podemos agardar máis tempo”, remata Juncal.

Comparte este artigo