O PP de Salceda denuncia a crecente inseguridade cidadá na vila a causa do desmantelamento e falta de medios da Policía Local a mans do goberno

Redacción
  • Os populares califican de “pírrica e insuficiente” a actual plantilla con tres axentes a xornada completa e un con quenda parcial pola existencia de baixas e a falta de novas incorporacións por parte do executivo, que só sumou a un axente en 19 anos de gobernos de esquerdas
  • A formación liderada por Santi Davila califica de “crítica” a actual situación sen servizo moitos días da semana ou con patrullas dun só efectivo co conseguinte risco e avoga novamente pola incorporación de dous axentes por mandato

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de denunciar a crecente inseguridade cidadá na vila, especialmente con pelexas e fortes altercados nas fins de semana ao longo dos últimos meses, e considera que dita situación vén derivada do desmantelamento, os recurtes, a precariedade e a falta de medios da Policía Local a mans do goberno de Dolores Castiñeira.

Os populares calificaron de “pírrica e insuficiente” a actual plantilla, conformada de xeito efectivo por tres axentes a xornada completa e outro con quenda parcial, posto que hai varios que se atopan de baixa e o executivo municipal non foi quen de garantir a reposición e continuidade do seu cadro de persoal, posto que nos 19 anos de gobernos de esquerda só sumaron unha persoa ao corpo. “Está claro que o goberno de MS é o absoluto responsable porque a súa desidia para ter unha Policía Local en condicións contrasta moito cos seis axentes que incorporaron os gobernos do PP entre 1993 e 2007”, explicou o voceiro, Santi Davila.

Para o concelleiro popular a situación da seguridade cidadá en Salceda de Caselas é “crítica e preocupante” e pode chegar a afectar á convivencia e harmonía habituais, “posto que a plantilla é totalmente insuficiente e a súa capacidade para facer patrullas está totalmente mermada”.

Así, revelou que en moitos días laborables non hai servizo da Policía Local, algo que tamén se reproduce nas fins de semana e principalmente polas noites, e ademais engadíu que tamén se están realizando patrullas en moitas ocasións cun só axente, que é unha cuestión que considera que xera un risco importante para o propio policía e que supón a “nula efectividade” do servizo.

Davila tamén indicou que, nas últimas semanas, incorporáronse dous auxiliares de policía, pero lembrou que, malia o seu gran traballo, teñen as funcións moi limitadas, circunscribíndose a cuestións de complemento, “polo que estamos só ante un parche moi alonxado da solución que merece a veciñanza”.

Finalmente, o voceiro popular, que responsabilizou desta precaria situación á xestión da alcaldesa e do goberno de MS co apoio de Psoe e Bng de sempre, reiterou novamente o compromiso do PP, incluído constantemente nos seus programas electorais, de incorporar alomenos dous axentes por cada mandato para que o corpo teña os medios persoais suficientes para atender a unha poboación en ascenso como a de Salceda.

Comparte este artigo