HomePontevedraPontevedraO PP demanda a elaboración do I Plan de Apoio ás Familias...

O PP demanda a elaboración do I Plan de Apoio ás Familias para mellorar a conciliación en Pontevedra

- Anuncio -spot_img

• Junco: “Queremos que Pontevedra sexa a mellor cidade na que crecer, apoiando ás familias con axudas municipais á natalidade”

• Os populares tamén propoñen bonificacións fiscais, a reactivación do programa “Camiño Escolar” e un servizo municipal de conciliación para axudar ás familias que máis o necesitan

A concelleira do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra Silvia Junco presentou unha moción, que se debaterá no pleno ordinario do próximo luns, para demandar a elaboración do I Plan de Apoio ás Familias para a mellora da conciliación do Concello de Pontevedra e frear o envellecemento da poboación con axudas municipais á natalidade.

“O descenso da natalidade e as dificultades para conciliar a vida laboral co coidado dos fillos son preocupacións que debemos abordar para que Pontevedra sexa a mellor cidade na que crecer. Desde o PP estamos a favor da conciliación a corresponsabilidade, o apoio á crianza e as políticas familiares”, afirmou Junco antes de expoñer algunhas das medidas fundamentais deste plan.

Unha liña de axudas directas á natalidade – 250 euros polo primeiro fillo, 500€ polo segundo e 750€ polo terceiro – tanto en casos de nacemento como de adopción. Para poder optar a elas, os proxenitores deberán estar empadroados na cidade de Pontevedra con cinco anos de antelación.

No segundo eixo de actuación, reclamou a reforma da Ordenanza fiscal 22 para introducir bonificacións no IBI a familias numerosas, que oscilarán entre o 20% e o 90% en función do valor catastral da vivenda habitual que constitúa a súa residencia habitual.

Por outra banda, a edil popular ha solicitado a creación dun Servizo Municipal de Conciliación e Apoio ás Familias, especialmente dirixido a aqueles núcleos familiares con menos recursos e sen a cobertura dunha rede de apoio familiar. Así mesmo, a reactivación do proxecto “Camiño Escolar”, co fin de favorecer a autonomía infantil, a mobilidade sostible e, neste caso, facilitar a conciliación.

O PP márcase o obxectivo de reverter o envellecemento da poboación cun Plan de Apoio ás Familias para mellorar a conciliación, similar ao que xa dispoñen noutras moitas cidades como Madrid ou Sevilla. Un Plan que deberá servir como guía do Concello nesta materia, se os outros dous grupos políticos da corporación municipal tamén o consideran esencial para o futuro da cidade: “É o momento de poñernos ao lado de quen desexa formar unha familia e facilitarlles as ferramentas para que poidan facelo con garantías”, finalizou a concelleira.

Publicacións Relacionadas