• O partido de Rafa Domínguez denuncia unha “deterioración inadmisible dos servizos básicos” que os veciños expuxeron, en repetidas ocasións, aos responsables municipais da súa desatención
• As concelleiras Rey e Junco percorren o barrio para comprobar que os residentes seguen con papeleiras rotas, baldosas levantadas, fochancas nas estradas, maleza sen cortar, bancos deteriorados e parques infantís do século pasado
O Partido Popular de Pontevedra continúa, tamén durante o verán, a súa rolda de visitas polos barrios e parroquias “para dar voz aos veciños que o alcalde ten máis abandonados”.
A pesar de ser un dos ámbitos urbanos da cidade que pode presumir de estar en constante crecemento e expansión, o PP observa que o barrio da Parda sofre unha “deterioración inadmisible dos servizos básicos” que os residentes expuxeron, en repetidas ocasións, aos responsables municipais da súa desatención.
O partido de Rafa Domínguez facilitou a aprobación da última modificación de crédito do Concello coa condición, entre outras liñas vermellas que deberá cumprir o Goberno local, de que se execute o acondicionamento e mellora do parque infantil da rúa Hortas, situado fronte aos xulgados.
“A falta de mantemento fai imposible o uso da única randeeira que hai nesta zona de xogos, onde nenos e nenas xogan con precaución polo risco de sufrir unha caída e facerse dano nalgunha das zonas onde o céspede está levantado”, explicou a concelleira popular Bea Rey tras realizar unha visita polo barrio xunto á súa compañeira Silvia Junco.
Desde o PP darase un tempo prudencial ao alcalde para que realice as obras de acondicionamento do parque infantil, que se lle esixe desde a oposición, e que é un reflexo máis do que ocorre en toda A Parda: maleza sen cortar, papeleiras rotas, bancos deteriorados, baldosas rotas ou estradas gretadas e con fochancas son a tónica habitual por todo o barrio.
Na rúa Campo Santo a beirarrúa é “intransitable pola maleza que invade a zona de paso e, o que é máis grave, porque hai baldosas que se romperon e que deixaron apoiadas nun lateral, dando mostra do pouco interese e o desprezo dos edís de goberno cara a este barrio tan importante para Pontevedra”, remarcou Rey.
Outras rúas que serven de exemplo da “desidia” do Goberno municipal son Gaiteiro Ricardo Portela, Pintora Maruxa Mallo ou a avenida Virxinia Pereira Renda: “son un perigo porque, se vas camiñando pola beirarrúa, tes que estar pendente de non tropezar e, se conduces, hai fochancas que levan anos sen ser reparados”.
No caso de Pintor Laxeiro, a ausencia de beirarrúas e a maleza que invade a estrada fai “inviable que os veciños sentan seguros”, expuxo a concelleira popular antes de insistir en que o PP seguirá esixindo que A Parda sexa tratado como “un barrio de primeira categoría, acorde aos impostos que pagan os seus cidadáns”.

