HomePontevedraPontevedraO PP lamenta que o Ministerio de Transportes non teña previsto corrixir...

O PP lamenta que o Ministerio de Transportes non teña previsto corrixir o abandono da estación de tren de Catoira e esixe “un trato digno por parte do Goberno de España”

- Anuncio -spot_img
  • As instalacións ferroviarias, que dan servizo a 67.000 usuarios ao ano, carecen tanto de atención presencial como de calquera método telemático de información ou venda de billetes, e amosan “unha falta absoluta de mantemento” por parte do Executivo central
  • Os deputados pontevedreses do PP rexistraron senllas preguntas no Congreso sobre a implantación dalgún servizo de información ou a realización de tarefas de mantemento e mellora, ao que o executivo respondeu que non ten previsto satisfacer ningunha das dúas demandas
  • “Está claro que o caos ferroviario provocado polo Goberno de Sánchez  non se limita ás grandes infraestruturas nin afecta só aos viaxeiros do AVE ou aos usuarios das grandes estacións, senón que se estende a cada recuncho da rede”, lamenta Juan Bayón

Os deputados nacionais do PP de Pontevedra trasladaron hoxe a súa indignación tras constatar que o Ministerio de Tansportes non prevé ningunha actuación para corrixir o abandono da estación de tren de Catoira denunciado desde hai meses polos populares.

Así figura nunha resposta do Goberno á pregunta rexistrada polo Grupo Parlamentario Popular no Congreso dos Deputados, na que os deputados explicaban que a estación se atopa “totalmente desatendida” polo Executivo, ao carecer de atención presencial ou de calquera medio telemático de información e venda de billetes, ademais de amosar unha falta absoluta de mantemento rutinario. Os populares subliñaban que, cos últimos datos, esta estación dá servizo anualmente a 67.000 usuarios, uns datos que “esixen un trato digno por parte do Goberno de España”.

Na iniciativa, presentada en marzo ante a Cámara Baixa, os deputados Juan Bayón, Irene Garrido e Pedro Puy preguntaban ao Goberno se tiña previsto implementar un servizo de información telemático que permitise aos usuarios adquirir billetes e recibir información en tempo real, e se levarían a cabo tarefas de mantemento e mellora na estación. A resposta do Executivo é non por partida dobre.

Así o denunciaron Bayón, Garrido e Puy nunha visita a Catoira, durante a que volveron comprobar in situ a falta de medios e o abandono das instalacións xunto á voceira local, Estefanía Frieiro, concelleiros do partido e outros membros da formación, e informaron da negativa por parte do executivo a dar solución a estas demandas.

“A estación de Catoira non ten persoal de Renfe na estación, nin una máquina de venda telemática, nin sequera un sistema no que os viaxeiros poidan ter algún tipo de atención telefónica pulsando un botón, como si sucede noutras instalación similares da contorna”, apuntou Bayón: “Ademais, a sensación é de abandono absoluto, e non se realiza sequera un mantemento básico como a limpeza, o pintado de paredes, ou algo tan sinxelo como colocar tablóns cos horarios e os teléfonos de emerxencia”.

“Está claro que o caos ferroviario e o deterioro do sistema pola pésima xestión do Ministerio de Transportes non se limita ás grandes infraestruturas, senón que afecta a toda a rede, aos usuarios de Alta Velocidade en Madrid, Barcelona ou Sevilla pero tamén aos dos trens que dan servizo aos pequenos concellos da nosa provincia”, lamentou Bayón. “Aos que sofren retrasos e desatención nas grandes estacións pero tamén aos que nunha pequena instalación como a de Catoira non poden informarse, comprar un billete ou desfrutar unhas instalacións dignas de quen llas debe proporcionar, o Goberno de Sánchez”.

Bayón quixo agradecer o esforzo de Frieiro e o seu grupo municipal para comunicar as necesidades da estación de ferrocarril, para conformar a iniciativa que se levou ao Congreso, “e, sobre todo, para loitar pola súa mellora”. Por iso, confirmou o compromiso do Grupo Parlamentario Popular a seguir apoiando “unha reivindicación máis que xusta”.

Publicacións Relacionadas