O novo presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, realizou esta mañá a súa primeira visita institucional ao Concello de Mos, nun encontro de traballo que tivo como obxectivo reforzar a colaboración entre a Federación, o Concello e os clubs deportivos locais, co propósito de mellorar o día a día dos máis de 800 deportistas federados que practican fútbol no municipio.
Pablo Prieto estivo acompañado polo vicepresidente da Federación, Fernando Iglesias, e foi recibido no Concello pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira de Deportes, Feli Rodríguez.
Ao encontro tamén asistiron representantes dos principais clubs de fútbol do municipio: Pablo Serodio, presidente da UD Mos; Patricio Farrapeira, presidente do Club Louro de Tameiga; e David Campo, presidente do Santiaguiño F.C. A presidenta do C.D. Alerta non puido asistir por motivos persoais.
Durante a xuntanza abordáronse diversas cuestións relacionadas co estado das instalacións municipais, as necesidades dos clubs e o futuro do fútbol base no concello.
Todas as partes amosaron a súa vontade firme de avanzar conxuntamente cara a unha mellora dos recursos e infraestruturas deportivas, fomentando a práctica deportiva e apoiando aos centos de rapaces e rapazas que forman parte das escolas e equipos federados locais.
A continuación, a comitiva realizou unha visita aos distintos campos de fútbol municipais, acompañados pola concelleira de Deportes, para coñecer de primeira man a situación das instalacións e presentarse oficialmente ante os clubs e deportistas como novo presidente da Federación.
Dende o Concello, a alcaldesa Nidia Arévalo destacou “a importancia desta primeira toma de contacto para consolidar liñas de traballo conxuntas que redunden no beneficio da nosa mocidade e do tecido deportivo mosense”. Pola súa banda, Pablo Prieto agradeceu a acollida e sinalou que “a Federación estará ao lado dos concellos e dos clubs para seguir facendo medrar o fútbol galego dende a base”.
Esta visita supón un paso máis no compromiso compartido de apoiar o deporte de base e mellorar as condicións dos espazos deportivos, cunha visión de futuro e coordinación entre institucións.