- A dirección provincial amosa o seu respaldo absoluto á xunta local e garante un proxecto “sólido, unido e plenamente centrado nos veciños”.
- Este encontro tivo tamén como eixe central analizar o novo escenario político municipal tras a recente dimisión da ata agora presidenta local, María José Pino.
O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, e a secretaria xeral da formación, Luisa Piñeiro, presiden unha reunión de traballo co PP de Nigrán para designar candidato nos próximos 2 meses.
Este encontro tivo como eixe central analizar o novo escenario político municipal tras a recente dimisión da ata agora voceira e presidenta local, María José Pino, así como trazar a folla de ruta que guiará as accións do partido nos vindeiros meses.
Durante o transcurso do encontro, os líderes provinciais trasladaron unha mensaxe de absoluta tranquilidade, normalidade institucional e, sobre todo, de total confianza no capital humano que integra o PP de Nigrán.
Luis López quixo aproveitar o momento para agradecer de xeito explícito o esforzo, a dedicación e o traballo realizado por María José Pino durante a súa etapa á fronte do grupo municipal, desexándolle o mellor no ámbito persoal e profesional.
Ao mesmo tempo, o presidente provincial reafirmou o apoio inequívoco e permanente de toda a estrutura pontevedresa para afrontar este período de transición coas máximas garantías de éxito.
“O Partido Popular é unha organización cun proxecto político solvente e un equipo de mulleres e homes absolutamente preparados para seguir traballando a pé de rúa e dar resposta ás demandas reais dos veciños e veciñas de Nigrán”, subliñou Luis López.
Segundo explicou o mandatario provincial, esta reunión non só serviu para avaliar a situación actual, senón para asentar os piares da reorganización interna do grupo. O obxectivo é potenciar o labor de fiscalización e planificar as iniciativas que se levarán ao pleno municipal a curto e medio prazo, consolidando ao PP como a única alternativa real de goberno fronte ao actual executivo local.
Os representantes da agrupación local do PP de Nigrán manifestaron a súa total sintonía e aliñamento coas directrices da dirección provincial. Así mesmo, amosaron un compromiso firme e renovado para continuar desenvolvendo unha oposición construtiva, esixente e rigorosa, garantindo que a actividade política do partido non sufrirá ningún tipo de parón e que seguirán defendendo con firmeza os intereses de todo o municipio.

