O Programa CLARA de Covelo incorpora formación en intelixencia artificial para fomentar a autonomía e reducir a fenda dixital

Redacción

A actividade “A intelixencia artificial tamén é para ti” desenvolverase os días 14 e 15 de setembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Covelo.

 

O Concello de Covelo continúa desenvolvendo unha nova edición do Programa CLARA, unha iniciativa destinada a promover a igualdade, previr a violencia de xénero e favorecer o benestar, a autonomía persoal e a participación das mulleres.

O programa conta cun equipo multidisciplinar de profesionais das áreas do dereito, a psicoloxía, as terapias e a igualdade, que ofrecen atención especializada e actividades orientadas a mellorar a calidade de vida das participantes.

Esta iniciativa está financiada pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

 

Como novidade nesta edición, o Programa CLARA incorpora actividades relacionadas co benestar, a saúde, a nutrición, a sensibilización en igualdade, o apoio á inserción laboral e a redución da fenda dixital mediante o uso de novas ferramentas tecnolóxicas.

Neste marco, o Concello de Covelo organiza a actividade “A intelixencia artificial tamén é para ti”, unha formación pensada para achegar a intelixencia artificial á cidadanía dun xeito sinxelo, práctico e seguro.

A actividade terá lugar os días 14 e 15 de setembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Covelo.

Non será necesario contar con coñecementos previos de tecnoloxía. Ao longo das sesións, as persoas participantes aprenderán, paso a paso:

Que é a intelixencia artificial e para que pode ser útil.

Como utilizar ferramentas como ChatGPT e NotebookLM.

Como formular instrucións claras para obter respostas útiles.

Como empregar NotebookLM para estudar, investigar e traballar con documentos.

Como comprender cartas, textos e información complexa.

Como redactar mensaxes e realizar traducións.

Como preparar ou mellorar un currículo.

Como analizar ofertas de emprego.

Como promocionar produtos, negocios e iniciativas do rural.

Como organizar gastos, compras e tarefas cotiás.

Como protexer a privacidade no uso destas ferramentas.

Como detectar erros, información inventada e posibles nesgos, tamén de xénero.

A formación estará baseada en situacións reais da vida cotiá, do emprego, do estudo e da investigación, sempre promovendo o criterio propio e a revisión humana da información.

As persoas participantes deberán acudir co seu teléfono móbil e con ganas de aprender e descubrir novas ferramentas que poden contribuír a facilitar tarefas e abrir novas oportunidades.

 

Desde o Concello de Covelo saliéntase que o acceso ao coñecemento e á formación tecnolóxica é tamén unha vía para reforzar a autonomía persoal, a seguridade e a igualdade de oportunidades.

“Aprender a utilizar a tecnoloxía de maneira crítica, segura e práctica permite que máis persoas poidan aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas ferramentas dixitais, tanto no ámbito persoal como profesional”, sinalan desde o Concello.

 

Ademais das actividades formativas, o Programa CLARA mantén o servizo de atención xurídica e psicolóxica gratuíta, dirixido a mulleres e ás persoas ao seu cargo, garantindo en todo momento a confidencialidade, a privacidade e a gratuidade da atención.

O servizo préstase todos os xoves, de 9:00 a 15:00 horas, mediante cita previa.

As citas poden solicitarse nos teléfonos e WhatsApp:

606 118 853

687 227 495

Para máis información, tamén se pode contactar co Concello de Covelo no teléfono 986 650 027, extensión 1.

O servizo psicolóxico ofrece apoio emocional, intervención en situacións de estrés e ansiedade, orientación familiar e promoción da saúde mental. Pola súa parte, o servizo xurídico presta asesoramento en cuestións penais, civís e administrativas, mediación e resolución de conflitos, así como apoio en situacións relacionadas coa violencia de xénero, o acoso, a discapacidade, a nacionalidade, a estranxeiría e outras situacións de vulnerabilidade.

Comparte este artigo