O proxecto, impulsado polo IES Pazo da Mercé, continúa con novas actividades para alumnado, familias e profesorado, centradas no benestar emocional, a convivencia e a vida dixital saudable.
O programa “SER, ESTAR, PERTENCER” xurdiu a iniciativa do IES Pazo da Mercé, a partir das preocupacións detectadas polo centro en relación co benestar emocional, a motivación, a convivencia e o uso das novas tecnoloxías entre a mocidade. O instituto trasladou ao Concello das Neves a proposta de desenvolver unha intervención continuada, á que posteriormente se sumaron as ANPAS e o CEIP Marquesa do Pazo da Mercé.
O proxecto deu os seus primeiros pasos o curso pasado cun obradoiro para familias sobre o uso das pantallas e as redes sociais. Esta mesma semana celebrouse unha nova reunión de coordinación na que participaron representantes do IES, das ANPAS, de empresa que desenvolverá as accións e do Concello, a través das áreas de Educación e Servizos Sociais, para avanzar na planificación das actuacións deste curso.
Durante este primeiro trimestre desenvolveranse no instituto dous programas de obradoiros vinculados á subvención de igualdade da Deputación de Pontevedra solicitada polo Concello: “Navega en Positivo”, para 1º e 2º da ESO, sobre o uso responsable de internet e das redes sociais; e “Os nosos corpos, as nosas normas”, para 3º e 4º da ESO e FP Básica, centrado na autoestima corporal, na prevención dos trastornos da conduta alimentaria e na presión estética.
Estas actuacións terán continuidade durante o segundo e terceiro trimestre, con actividades asumidas polo propio centro educativo nas que se traballarán cuestións como a xestión emocional, a autoestima, a ansiedade, a convivencia, as relacións afectivas saudables e a toma de decisións.
O programa contempla tamén formación para o profesorado, especialmente sobre a detección e o acompañamento de situacións de malestar emocional na adolescencia.
A próxima actividade dirixida ás familias celebrarase o 12 de novembro, de 18:00 a 20:00 horas, na Casa da Xuventude das Neves, baixo o título «Autoestima e corpo: como acompañar na adolescencia».
O obradoiro, destinado a familias con alumnado de Primaria e Secundaria, ofrecerá ferramentas para fortalecer a autoestima dos fillos e fillas, cuestionar os estereotipos relacionados coa imaxe corporal e promover hábitos saudables afastados da presión estética.
As persoas interesadas poden reservar a súa praza mediante o código QR do cartel, a través da ligazón https://forms.gle/LpD1iDqP2U8rngUJA ou chamando ao 625554992.
A execución do programa corre a cargo da empresa Talentea, especializada en programas socioeducativos, de igualdade e benestar emocional, cun equipo profesional integrado pola psicóloga Laura Durán e a educadora social Lucía Pereda.
“SER, ESTAR, PERTENCER” está concibido como un itinerario progresivo que acompañe ao alumnado ao longo da ESO e FP Básica, e que incluso poda estenderse á Primaria, adaptando as actividades ás necesidades de cada etapa e incorporando as achegas da comunidade educativa.
O obxectivo é consolidar unha liña de traballo compartida entre o instituto, o colexio, as ANPAS e o Concello que contribúa ao benestar da mocidade e reforce a colaboración entre os centros educativos, as familias e a comunidade.

