Comeza unha nova edición deste proxecto pioneiro, un sementeiro de apoio e autocoidado para mulleres maiores de 55 anos
Coidar aos demais tamén require tempo para coidarse a un mesmo. Para ofrecer ese espazo o Concello puxo en marcha unha nova edición de ‘Cultivando coidados’, un proxecto pioneiro que naceu co obxectivo de ser un sementeiro de apoio e autocoidado para mulleres maiores de 55 anos, priorizando así o seu benestar e fortalecendo vínculos de cooperación. Un programa que recoñece o labor fundamental das persoas coidadoras e que busca traballar para mellorar a súa calidade de vida.
Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “nunha realidade na que os coidados recaen maioritariamente sobre as mulleres, parécenos fundamental por en marcha iniciativas que nazan dende o recoñecemento e do respecto cara ás mulleres coidadoras. Queremos ofrecerlles un lugar no que tomarse o tempo de parar, coidarse elas mesmas, compartir experiencias e sentirse valoradas polo seu labor diario”.
A concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, acompañou ás participantes durante o primeiro día e sinalou que “cada nova edición confirma que o apoio mutuo e o autocoidado son fundamentais para seguir camiñando cara ao benestar integral de todas as persoas coidadoras”.
Nesta ocasión, o departamento de Servizos Sociais púxose en contacto con mulleres coidadoras de persoas dependentes que participaran en edicións anteriores do programa ou que se achegaban a el por primeira vez para propoñerlles formar parte desta iniciativa que se desenvolve todos os martes de 17 a 19 horas no antigo mercado de San Miguel. Con prazas aínda dispoñibles, as mulleres coidadoras de persoas dependentes interesadas en incorporarse ao programa poderán solicitar máis información a través do servizo de Servizos Sociais.