- Ángeles Vázquez lembra que Augas de Galicia decidiu a finais do ano pasado executar estas obras de emerxencia necesarias para garantir o abastecemento a Vigo, Cangas, Moaña, Redondela, Soutomaior, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Vilaboa, que suman máis de 400.000 habitantes
- As válvulas provisionais garanten plenamente o abastecemento sen riscos e as definitivas están en proceso de fabricación ao tratarse de equipamentos subministrados baixo demanda
- Os traballos incluíron tamén a habilitación dun sistema alternativo co que garantir en todo momento a subministración de auga tanto ao conxunto da cidadanía como ás actividades económicas e industriais deses municipios
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a presa de Eiras, onde anunciou que a Xunta xa completou a instalación das válvulas provisionais de abastecemento do encoro e que prevé colocar as definitivas a finais do verán tras un investimento total de preto de 2,3 millóns de euros.
A responsable autonómica lembrou que Augas de Galicia decidiu a finais do ano pasado executar estas obras de emerxencia tras constatar as deficiencias que presentaban as catro válvulas -dúas delas seriamente danadas- de toma de auga da infraestrutura e que son clave para determinar o volume de auga que se deixa saír con destino ao abastecemento da cidadanía de Vigo, Cangas, Moaña, Redondela, Soutomaior, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Vilaboa, que suman máis de 400.000 habitantes.
Neste sentido, os traballos realizados ata o momento para evitar o risco de corte na subministración consistiron na retirada das válvulas deterioradas e a substitución por outras provisionais xunto coa reposición das bases de formigón, a renovación de todo o sistema de cables e a posta en servizo de todos os equipamentos. Esas válvulas provisionais -que garanten plenamente o abastecemento sen riscos- serán substituídas a finais do verán polas definitivas, que están en proceso de fabricación ao tratarse de equipamentos subministrados baixo demanda.
A maiores, e dado que para cambiar ás válvulas era preciso baleirar e illar a torre de toma de auga, desenvolvéronse actuacións para habilitar un sistema alternativo co que garantir en todo momento a subministración de auga tanto ao conxunto da cidadanía como ás actividades económicas e industriais deses municipios.
Esta cuestión resolveuse coa instalación dun sistema de bombeo e canalización provisional (bypass) co fin de manter o caudal de abastecemento -uns 900 litros por segundo- cara á potabilizadora do Casal. Tratouse dunha medida indispensable dado que, en caso de que houbese un corte total da auga, Vigo só podería manter o servizo á veciñanza e ás empresas durante 36 horas, un prazo que aínda sería inferior noutros casos como o subsistema O Porriño-Mos.
A conselleira, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, salientou que esta é unha infraestrutura hidráulica crítica da súa titularidade, na que ostenta as competencias exclusivas en materia de seguridade. Por iso, co fin de evitar calquera risco para a subministración de auga e para a integridade da propia presa, decidiu acometer estas obras de emerxencia malia que a operación das válvulas de toma de auga é responsabilidade do Concello de Vigo no exercicio da súa concesión de abastecemento.
Neste sentido, o Goberno local coñecía o estado deficiente destas válvulas pero en ningún momento o notificou á Administración hidráulica autonómica malia que o persoal municipal ou concesionario as manipula diariamente, algo que permitía constatar o seu evidente deterioro.
As avarías en dúas desas catro válvulas de toma de auga foron detectadas polo Executivo galego o ano pasado pois malia que a presa foi transferida polo Estado á comunidade en 1986, a negativa do Concello de Vigo a recoñecer a titularidade da Xunta e os procesos xudiciais aparellados provocaron que o persoal do servizo de explotación, mantemento e conservación do encoro contratado por Augas de Galicia tivese dificultades para acceder á zona na que se atopan estes elementos.

