O Concello organiza este domingo 26 a IV Feira do Libro de Segunda Man cun amplo programa de actividades para todos os públicos
Un libro nunca remata cando alguén o pecha por última vez. O Rosal conmemora o Día do Libro dándolle unha segunda vida a moitos exemplares coa celebración dunha nova edición da Feira do Libro de Segunda Man, unha cita xa consolidada que volverá converter o municipio nun espazo de encontro arredor da lectura, a reutilización e a cultura compartida.
Este domingo 26 a Praza do Calvario acollerá esta cuarta edición, que abrirá as súas portas de 11.00 a 20.00 horas e reunirá a numerosas asociacións locais que porán á venda libros procedentes de diferentes doazóns. Unha oportunidade única para atopar títulos a prezos accesibles, darlles unha nova vida e fomentar valores como a economía circular e o acceso democrático á cultura.
Ao longo da xornada, a programación completarase cunha ampla oferta de actividades pensadas para todos os públicos. A partir das 12.00 horas haberá propostas de xogos, manualidades e actividades ‘Entre libros’ con Eu Creativa e o artista e director do CPI Manuel Suárez Marquier Xosé Tomás impartirá un obradoiro de banda deseñada con prazas limitadas. Xa pola tarde, ás 17.00 horas haberá pintacaras a cargo da Agrupación Musical do Rosal e ás 18.00 horas o contacontos ‘Lúa triangular, nada é imposible’, con Jara Ortiz. Ademais, San Xerome Emiliani organizará un obradoiro de chapas durante a feira. Ademais, tamén haberá un posto de flores para manter viva a tradición de celebrar a xornada agasallando con libros e flores.
Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, a Feira do Libro de Segunda Man “demostra que a lectura tamén pode ser un acto colectivo, no que compartir, descubrir e dar novas oportunidades aos libros forma parte dunha maneira máis sostible, accesible e participativa de entender a cultura e onde o noso tecido asociativo é coma sempre unha peza esencial”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, quixo tamén poñer en valor o papel das asociacións e agradeceu a súa participación e implicación. “Detrás desta feira hai moito traballo comunitario e unha implicación que fai posible que cada exemplar teña unha nova historia. É unha forma de achegar a lectura desde a proximidade, con propostas para todas as idades e gustos”, recalcou.
Desde o Concello anímase á veciñanza a achegarse e participar nesta xornada, pensada para desfrutar sen présa, descubrir novas lecturas e compartir o pracer dos libros nun ambiente aberto e dinámico. Porque ás veces, a mellor historia é aquela que está esperando por unha segunda oportunidade.

