O taller será impartido pola artesá Julia de la Cal, creadora de La Parabólica e gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024
Será o sábado 14 de xuño ás 11.00 h no muíño das Aceñas, con prazas limitadas e inscrición previa
Os Obradoiros de Primavera continúan este mes de xuño no Rosal achegando novas oportunidades para coñecer e practicar saberes artesáns. O Concello abre o prazo de inscrición para un novo taller creativo, o de cestería diagonal con formio, que se celebrará o vindeiro sábado 14 de xuño a partir das 11.00 horas no muíño das Aceñas.
Neste curso, de tres horas de duración, as e os participantes traballarán principalmente co formio empregando o ‘plaiting’, unha técnica tradicional de tecido diagonal que permitirá a todas e todos os asistentes elaborar cestos de base cadrada con deseños abertos ou pechados. Ademais, aprenderán variacións dos métodos básicos de trenzado para que cada participante poida crear a súa propia peza.
A actividade será guiada pola artesá Julia de la Cal, creadora de La Parabólica e gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024 pola súa obra #Periferioa01, un deseño co que redefine o concepto da cesta tradicional explorando novas formas estéticas e funcionais con materiais naturais cultivados por ela mesma.
“O obradoiro de cestería diagonal con formio supón unha oportunidade única para achegarnos á artesanía desde a práctica e a creatividade. Queremos poñer en valor estas técnicas tradicionais e ofrecer un espazo de aprendizaxe interxeracional onde a mocidade teña un lugar destacado”, destaca o concelleiro de Xuventude, Alejandro González.
O curso terá un máximo de 8 prazas e un custo de 18 euros. Está aberto a todas as idades, aínda que terán prioridade as persoas menores de 30 anos. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición enchendo o formulario dispoñible.