Xavier Brey, de 10 anos e membro de Fogaric@s, representará a nenos, nenas e adolescentes durante os próximos dous anos neste órgano de participación consultivo
A voz da infancia e mocidade rosaleira chega ao máis alto nivel institucional. Xavier Brey, membro activo do grupo de participación infantil Fogaric@s do Rosal, acaba de ser nomeado vogal do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), órgano de participación consultivo da Xunta de Galicia que dá voz ás propostas, ideas e demandas dos nenos, nenas e adolescentes de toda a comunidade. O obxectivo deste órgano é artellar a intervención de infancia e mocidade facilitando un espazo para que se expresen e tomen decisións no ámbito autonómico sobre aquelas cuestións que lles afecta directa ou indirectamente.
Con só 10 anos, Xavier converterase nos vindeiros dous anos no representante do Rosal neste espazo de diálogo e participación, que está composto por 30 rapaces e rapazas procedentes de diferentes concellos con grupos de participación infantil e xuvenil a nivel municipal, entidades relacionadas coa infancia e do sistema de protección.
Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “este nomeamento é unha mostra clara do compromiso do noso concello cunha participación infantil e xuvenil real e activa. É un orgullo ver como a infancia rosaleira ocupa espazos de decisión e leva a súa voz alí onde se constrúe o futuro”. A rexedora salientou a aposta do Concello por “darlle protagonismo á nosa infancia e mocidade a través de iniciativas como Fogaric@s, que se está a consolidar como un espazo no que nenos, nenas e adolescentes opinan, propoñen e se implican na vida do Rosal. O feito de que Xavier forme parte do CAIA é tamén un recoñecemento a este traballo colectivo”.
O acto de constitución do novo consello no que se nomeou vogal a Xavier Brey estivo presidido por Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, e contou tamén coa participación de Belia Méndez, subdirectora xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte.
Desde o Concello do Rosal quérese felicitar a Xavier Brey e a todas e todos os integrantes de Fogaric@s polo gran traballo que están a realizar e anímase á mocidade do municipio a seguir participando activamente na construción dun Rosal máis xusto, inclusivo e adaptado ás súas necesidades e soños.