O acto será o vindeiro xoves 22 de maio ás 18.00 h na Sala de exposicións do Concello
Novos e importantes pasos da Oficina da Enerxía do Rosal, un espazo impulsado polo Concello para promover a eficiencia enerxética, a sostibilidade e a creación de comunidades enerxéticas locais. O Concello presentará a vindeira semana ‘O Rosal Enerxía’, a primeira comunidade enerxética do municipio, unha iniciativa que permitirá ás veciñas e veciños adheridos reducir ata un 30% do custe da súa factura eléctrica grazas ao aproveitamento colectivo de enerxía renovable.
Será ao abeiro dunha xornada formativa o xoves 22 de maio ás 18.00 horas na Sala de exposicións do Concello, unha actividade aberta a todos os públicos que contará coa participación da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e do persoal técnico da Oficina da Enerxía rosaleira, entidade encargada de achegar á veciñanza asesoramento e ferramentas para avanzar na transición enerxética.
Como sinala a rexedora, “este é un paso decisivo para construír un modelo enerxético máis sostible e xusto, non que a veciñanza non só sexa consumidora, senón tamén protagonista do cambio. O Rosal xa está á vangarda da transición enerxética local e esta comunidade é unha ferramenta poderosa para democratizar a enerxía e reducir custes nos fogares rosaleiros”.
A xornada contará ademais cunha formación en modelos xurídicos de comunidades enerxéticas, ofrecendo unha explicación práctica sobre as distintas posibilidades legais de organización, así como os pasos necesarios para a súa posta en marcha, coa comunidade ‘O Rosal Enerxía’ como exemplo.
No encontro detallarase cal e o modelo xurídico elixido para esta nova entidade, así como os estudos realizados, o borrador de estatutos ou da acta fundacional. O técnico da Oficina da Enerxía, Rodrigo López Piquín, aproveitará o encontro para a sumarse a iniciativa e abrir de forma pública o formulario de interese para que todas aquelas persoas que desexen participar poidan iniciar o proceso de adhesión. Actualmente, xa hai preto de 15 persoas interesadas.
A creación desta comunidade enerxética marca un fito no camiño cara a un modelo máis sostible, democrático e económico de produción e consumo eléctrico no Rosal, situando ao municipio como referente en innovación enerxética a nivel local.
As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.
Para máis información, pódese contactar coa Oficina da Enerxía do Rosal a través do teléfono 677 73 73 21 ou do correo electrónico oficina@enerxia.eu.