O pleno aprobou unha moción para solicitar que se garanta que as axudas cheguen ás familias que máis as necesitan tras o cambio de criterio por parte do Goberno autonómico en pleno agosto
O Goberno municipal tamén se posicionou contra os ataques ao mural do colectivo Baixo Miño con Palestina
O Concello do Rosal levou ao pleno municipal a súa oposición á decisión da Xunta de Galicia de excluír os campamentos municipais do programa Bono Concilia Familias 2026, unha medida que considera inxusta tanto polo seu contido como polo momento no que foi anunciada, en pleno mes de agosto, cando os campamentos de verán xa estaban en marcha e moitas familias xa estaban tramitando a documentación para solicitar a axuda. A Corporación municipal aprobou coa abstención do PP unha moción para reclamar a rectificación desta decisión e un sistema de axudas baseado en criterios obxectivos que teñan en cota as necesidades reais das familias.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, considera que esta modificación supón “un atropelo ás familias que confiaron nun sistema de axudas que ata ese momento tamén cubría os campamentos municipais. Non é xisto nin ético cambiar as regras do xogo na metade do partido, moito menos nunha cuestión tan importante como a conciliación familiar, un dos maiores retos da nosa sociedade. Moitas familias solicitaron praza nos campamentos municipais pola posibilidade que se lles ofrecía de recuperar ese investimento coa axuda do bono social que agora non terán”.
Ademais de financiar soamente os servizos de conciliación ofertados por empresas privadas, o acceso ás axudas repártense por orde de solicitude ata esgotar o crédito destinado. O Goberno municipal esixe á Xunta que o procedemento se realice cun procedemento de concorrencia competitiva con baremos obxectivos nos que se prioricen ás persoas que máis o necesitan.
“Non ten sentido que no Concello fagamos un esforzo por establecer criterios sociais nos nosos campamentos municipais e garantir que as prazas cheguen ás familias con maiores necesidades e que, despois, as axudas autonómicas se concedan en función de quen consegue presentar antes unha solicitude “, subliña a rexedora.
A moción aprobada reclama á Xunta que rectifique a exclusión dos campamentos municipais do Bono Concilia Familias 2026, que estableza políticas de conciliación baseadas na igualdade, a equidade e a universalidade, que publique os orzamentos e as bases das convocatorias con antelación suficiente e que incremente a partida destinada ás políticas de conciliación e ao propio Bono Concilia Familias e reforzar as axudas aos concellos para financiar os servizos municipais de conciliación durante todo o ano.
Condena aos ataques ao mural de Palestina
O Goberno municipal tamén amosou en pleno o seu rexeitamento polos actos vandálicos sufridos polo mural realizado no Rosal polo colectivo Baixo Miño con Palestina. O mural, elaborado en novembro de 2025, sufriu un primeiro ataque con pintura o 4 de decembro dese ano, uns días antes da súa inauguración, e o pasado 6 de agosto de 2026 foi vítima dun novo acto vandálico con pintadas sobre a mensaxe ‘Palestina libre’. O Goberno municipal aprobou a moción por unanimidade.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que estas accións “atentan contra un dos dereitos democráticos fundamentais como é a liberdade de expresión. Non manifestan a súa postura ante os problemas expresando ideas, senón que atentan contra obras coas que non están de acordo, destruíndo dun xeito basto e groseiro unha peza cultural”.

