O Rosal sae ao monte para descubrir os segredos dos cogomelos nos Obradoiros do Outono

Redacción

O Concello organiza o sábado 14 de novembro, de 10 a 14 h, unha xornada de iniciación á micoloxía con MycoGalicia

Abertas a todos os públicos, nas actividades terán prioridade as persoas menores de 30 anos

O monte está cheo de pequenos tesouros e coñecelos, aprender a distinguilos e descubrir o seu papel na natureza será o obxectivo da primeira cita dos Obradoiros do Outono do Rosal, que regresan o vindeiro sábado 14 de novembro cunha xornada de iniciación á micoloxía que combinará coñecementos teóricos cunha saída de campo para identificar cogomelos.

A actividade desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas e estará impartida por MycoGalicia, en colaboración con MicoUvigo, o Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo. Durante as catro horas de duración, as persoas participantes achegaranse ao mundo dos fungos, aprendendo a observar as características que permiten diferenciar as distintas especies e coñecendo algunhas das claves para a súa identificación.

A sesión comezará cunha introdución á micoloxía e ao recoñecemento de cogomelos, prestando especial atención ás especies comestibles e ás posibles confusións con outras de aspecto semellante. Posteriormente, realizarase unha saída de campo na que poñer en práctica os coñecementos adquiridos, aprendendo a observar os exemplares na súa contorna natural e a comprender a importancia dunha identificación rigorosa.

A actividade está aberta a todos os públicos, aínda que terán prioridade as persoas menores de 30 anos. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas poden xa formalizar a súa inscrición a través do formulario web habilitado polo Concello. Unha vez realizada a inscrición, o Concello contactará coas persoas interesadas para confirmar a súa participación e recibir información sobre o modo de pago.

Comparte este artigo