Xoán Reices: “Asfalto está en mal estado, o único paso de peón sen pintar, así como os aparcadoiros e os carrís. Así está un dos viais municipais con maior tráfico rodado do noso concello”
No pleno do mes de marzo, o anterior alcalde, José López, afirmou no pleno que había unha partida de 60.000 euros para arranxar o vial do Souto de Vea. Sen embargo, 5 meses máis tarde o goberno municipal aínda non acometeu ningunha mellora nesta estrada de competencia municipal.
Segundo explicou Xoán Reices, “estes 60.000 euros, que nós cremos insuficientes para facer todo o que hai que facer no Souto de Vea, proviñan de fondos de Deputación, mais vendo a información que sae hoxe nos medios de comunicación loca, onde o goberno municipal anuncia unha serie de asfaltados en distintos viais do concello, non está o do Souto de Vea”.
“O do goberno municipal do PP coa estrada do Souto de Vea xa roza o pitorreo”, afirma Reices, “anuncian melloras que nunca se concreta e cando as fan apenas duran unhas semanas, e estamos a falar dunha das estradas municipais de maior tráfico do noso concello”. “Este vial”, engade o concelleiro do BNG, “non só ten o asfalto en mal estado, ten as liñas horizontais e as zonas de aparcadoiro sen pintar, o que despista a máis dun condutor que pasa por esta estrada, e ademais, e o que é peor, tamén ten o único paso de peóns sen delimitar”. “É un absoluto desastre”, afirma, “e o lóxico é que se fagan este tipo de obras cando vai bo tempo e non agardar ao inverno”.
Desde o BNG da Estrada instan a acometer as melloras co Souto de Vea, “os compromisos cos veciños e veciñas hai que cumprilos”, afirma Reices.

