O TSXG tumba o orzamento de 2024 elaborado por Xoán Castaño por múltiples ilegalidades e irregularidades e condena a costas ao Concello

Redacción

Dúas sentenzas en menos dun mes evidencian a absoluta incapacidade do alcalde e o caos na xestión municipal

O PSdeG-PSOE de Catoira considera de extraordinaria gravidade a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula na súa totalidade o orzamento municipal de 2024 aprobado polo alcalde Xoán Castaño, ao constatar que foi tramitado vulnerando varias normas de rango legal e ignorando advertencias técnicas expresas. A resolución, que estima o recurso presentado por Alberto García, impón ademais ao Concello o pago das costas procesuais ata un máximo de 1.500 euros, un custo que recae directamente sobre o peto da veciñanza como consecuencia da mala xestión do goberno local. Cuestión que por outra parte xa advertira o grupo socialista en sesión plenaria.

Segundo recolle a sentenza, o orzamento de 2024 foi aprobado sen cumprir a obriga legal de incorporar un superávit equivalente ao remanente de tesourería negativo de 2023, que ascendía a –113.778,01 €, tal e como advertira a Intervención Municipal no seu informe do 10 de xuño de 2024. O tribunal lembra que o artigo 193 do TRLRFL é taxativo: cando existe remanente negativo, o orzamento debe tramitarse con superávit suficiente para compensalo, algo que o alcalde decidiu ignorar.

A Sala tamén confirma outra das irregularidades máis graves: o Concello aprobou o orzamento sen solicitar o informe previo e vinculante do Ministerio de Facenda, requisito imprescindible para todas as entidades adheridas ao Fondo de Ordenación. A sentenza é clara ao sinalar que, ao atoparse Catoira nesa situación, o goberno municipal estaba obrigado a remitir un plan de axuste e obter o informe ministerial antes de aprobar o orzamento. A ausencia deste trámite esencial supón, segundo o TSXG, unha vulneración directa do artigo 45.4 do Real Decreto-lei 17/2024 e conduce á nulidade de pleno dereito.

O tribunal engade ademais que o orzamento foi aprobado malia o informe desfavorable da interventora, que advertiu de exceso nos límites de endebedamento e do incumprimento da normativa de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira. A Sala conclúe que non existía correlación entre o incremento do gasto non financeiro e o dos ingresos, e que o límite máximo de gasto era inoperativo na xestión municipal, evidenciando unha planificación económica deficiente e contraria á Lei Orgánica 2/2012.

Para o PSdeG-PSOE de Catoira, esta sentenza volve poñer de manifesto unha maneira de gobernar baseada na improvisación, na falta de rigor e no desprezo polos procedementos legais máis básicos. O alcalde aprobou un orzamento ilegal, ignorou informes técnicos, incumpriu requisitos estatais obrigatorios e comprometeu a estabilidade económica do municipio.

O grupo socialista considera que Catoira merece un goberno serio, solvente e respectuoso coa legalidade, e non un executivo que acumula sentenzas anulando orzamentos por irregularidades graves, entre outras. Tras este novo revés xudicial, o PSdeG-PSOE entende que o alcalde debe asumir responsabilidades e deixar paso a unha xestión que devolva credibilidade, rigor e estabilidade á administración municipal.

A nova sentenza do TSXG chega apenas tres semanas despois de que o mesmo tribunal anulase tamén o orzamento de 2025, e faino pola mesma cadea de irregularidades, o que para o PSdeG-PSOE de Catoira evidencia unha situación insostible: non estamos ante un erro puntual, senón ante un patrón reiterado de incompetencia, improvisación e desprezo pola legalidade por parte do alcalde Xoán Castaño. Dúas sentenzas consecutivas tumbando dous orzamentos municipais en menos dun mes constitúen un feito absolutamente excepcional en Galicia e describen con claridade a deriva do actual goberno local.

O TSXG volve sinalar exactamente as mesmas vulneracións: ignorancia das advertencias da Intervención, incumprimento da normativa estatal, ausencia do informe previo e vinculante do Ministerio de Facenda e falta de correlación entre gasto e ingresos. Para o PSdeG-PSOE, que isto se repita nun segundo orzamento confirma que o alcalde non aprende, non corrixe e non rectifica, e que está sometendo ao Concello a unha inseguridade xurídica constante que paraliza a acción municipal e compromete a estabilidade económica de Catoira.

A acumulación de reveses xudiciais revela un goberno incapaz de tramitar correctamente nin o documento máis básico da administración local: o orzamento. A veciñanza merece un executivo que saiba gobernar, que respecte os procedementos e que non converta o Concello nun laboratorio de ilegalidades que acaban sempre nos tribunais. Catoira non pode permitirse seguir atrapada na incompetencia política dun alcalde que xa leva dúas sentenzas firmes anulando as súas contas en menos dun mes.

Cuns gastos solo en costas de 3.600 euros sen contar a minuta da defensa do Concello. Visto todo este despropósito sexa asumido persoalmente polo señor Castaño e que presente a súa dimisión inmediata.

O PSdeG-PSOE de Catoira considera que o anuncio de Xoán Castaño de recorrer a sentenza do TSXG non é máis que un novo malabarismo sen sentido para gañar tempo, unha manobra desesperada que só busca atrasar o inevitable e seguir gastando cartos públicos en decisións absurdas. Resulta incríbel que o alcalde chegue a falar de “sentenza falsa” cando os argumentos do TSXG son claros, contundentes e perfectamente fundamentados, apostando por desprestixiar aos maxistrados como estratexia de defensa en lugar de asumir responsabilidades. Ningún recurso vai ocultar que o orzamento de 2025 se aprobou vulnerando trámites legais obrigatorios nin borrar a irresponsabilidade coa que Castaño levou a cabo a xestión económica do Concello.

Comparte este artigo