O V Pumptrack nocturno Mondariz acolle o Campionato de España de Pumtrack 2026

Redacción

O próximo día 22 de agosto, Mondariz vivirá unha cita histórica para o pumptrack: a V edición do Pumptrack Nocturno Mondariz será sede do Campionato de España de Pumptrack 2026, unha proba organizada por Sportskids e o Club Pontebike Team, coa colaboración do Concello de Mondariz e baixo o amparo da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

Tras varios anos consolidando esta cita no calendario galego e nacional, Mondariz dá agora un paso máis e convértese en sede do Campionato de España, o que supón un importante recoñecemento ao traballo desenvolvido por Sportskids e Pontebike Team ao longo destas cinco edicións, e sitúa á vila no mapa nacional deste deporte en pleno auxe.

O Concello de Mondariz xunto coa Deputación de Pontevedra, apoiaron esta proba desde o primeiro momento e proba diso é a recente reforma ao mesmo para poder cumprir todos os requisitos para albergar grandes probas en Mondariz.

O pumptrack é unha modalidade de ciclismo que está a vivir un crecemento moi importante tanto a nivel nacional como internacional, chegando a disputarse xa Campionatos do Mundo e formando parte do programa dos próximos Xogos Olímpicos, o que aumenta aínda máis o interese e a repercusión desta proba.

O Concello de Mondariz, que xa apoiou desde o primeiro momento as anteriores edicións desta proba na súa instalación de pumptrack, volve apoiar este Campionato de España, consciente do atractivo turístico e deportivo que supón para o municipio, e da capacidade de convocatoria que ten entre participantes de toda España e Portugal.

A proba manterá o seu selo distintivo: disputarase en horario nocturno, cunha iluminación especial do circuíto que a converte nunha das citas máis espectaculares do calendario, e que terá como colofón unha festa da espuma final para todos os participantes.

Ao tratarse do Campionato de España, entregaranse as camisolas de Campións de España en cada unha das categorías participantes, alén de premios para os mellores tempos scratch.

Comparte este artigo