O singular Roteiro Musical “Sons do Casco” volverá por décimo ano consecutivo a encher de música o casco antigo da vila, co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer na nosa vila.
Desde o Concello de Baiona, mediante a Concellería de Festexos e a Concellería de Comercio que coordinan este evento, dáse o pistoletazo de saída á programación cultural do verán no municipio, denominada “Baiverán 2025”, que abarca os meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2025 con mais centenar de actuacións.
Dada a aceptación e o éxito da edición anterior onde se ampliou o formato abarcando tamén a tarde do domingo, este ano repetimos experiencia, enchendo de música en directo todo o día do sábado 21 e domingo 22 de xuño, completando así unha fin de semana repleta de actuacións en directo.
Nesta edición, participarán un total de 15 grupos musicais con diferentes estilos, como a música cubana, rumba, son, guaracha, cha-cha-chá, tango, country nacional e internacional, blues, folk, pop-rock, rock and roll, versións e cancións propias, que enchesen de música os 8 escenarios asentados nas prazas e rúas máis relevantes do centro histórico baionés, como son Pai Fernando, Ventura Misa, Diego Carmona, Lorenzo de la Carrera, Pedro de Castro, os Xardíns da Casa da Navegación, Praza Fonte de Zeta e a Alameda Carabela Pinta.
Entre as novidades musicais deste ano, contaremos coa actuación do cantante Álari, integrante do exitoso grupo Chocolate, famoso polo seu hit “Mayonesa”, canción que soou de maneira internacional hai algúns anos, converténdose nun clásico da música latina. Nesta ocasión, o cantante uruguaio deleitaranos coas cancións que interpreta na súa carreira en solitario.
Este roteiro musical pretende ser un escaparate musical para novos talentos, sobre todo para a mocidade de nosa contorna, coa actuación do grupo 42º Norte, formado por 4 talentosos mozos de entre 12 e 14 anos, orixinarios do Val Miñor, que co seu toque fresco e persoal conquistan escenarios co seu tema propio “Xeración Alfa”, unha canción con gran repercusión mediática que xa se converteu en todo un himno contra o bullying desta banda integrada por Anxo, Martina, Lucca e Mencía.
Así mesmo, nesta edición contaremos coa actuación de Noemí Fernández, participante do concurso televisivo “A Voz” na edición do 2023, unha artista galega que está a alcanzar grandes éxitos. Algúns grupos e solistas repiten presenza neste roteiro musical, son: Four Passenger, Sen Reserva Acústico ou Diego Caride, que non quixeron perderse esta 10º edición e que deleitarán ao público como en edicións anteriores.
Faino tí, El Cuarto de Tula, The Frankie´s, Bravva!, Me & The Michaels, Sálvora, Natary Feel, Mettro Pop Rock, e Dieguitos e Mafaldas, son os grupos que se incorporan nesta edición 2025.
O Concello de Baiona aposta unha vez máis pola música en directo, en acústico, na rúa, de proximidade e accesible para a cidadanía, organizando este 10º roteiro musical que mantén o formato da edición anterior e enmárcase dentro da programación Baiverán, co apoio institucional da Deputación Provincial de Pontevedra, a través do Plan + Provincias 2025.