Oia pecha a tempada turística cun setembro récord en visitantes

Redacción
????????????????????????????????????

Preto de 3.000 persoas pasaron pola oficina de turismo, que permaneceu aberta desde principios de xullo a principios de octubre

Oia continúa consolidándose como punto estratéxico no Camiño Portugués da Costa e vén de pechar a súa tempada turística constatando un mes de setembro récord, sendo o período de maior afluencia de visitantes de toda a campaña estival. Nese senso, e tendo en conta o elevado peso das e dos peregrinos en relación ao total de visitantes, as cifras rexistradas en setembro permiten constatar a capacidade do Camiño da Costa para atraer viaxeiros e viaxeiras fóra das tradicionais épocas de fluxos turísticos en Oia.

Segundo os datos recollidos polo persoal da oficina de turismo de Oia, un total de 2.923 persoas pasaron polos servizos de información turística durante o seu período de apertura, que este ano comezou o 8 de xullo e se prolongou ata o 4 de outubro.

Do total de persoas usuarias da oficina destaca especialmente o colectivo das peregrinas e peregrinos, que supuxeron un total de 2.268. Do resto, 645 foron turistas e 10 locais. En canto ao perfil das persoas que chegan á oficina facendo o Camiño de Santiago, cómpre subliñar a ampla presenza feminina, que supera con creces a masculina. Así, rexistráronse un total de 1.610 mulleres peregrinas fronte a 1.106 homes.

En relación aos períodos de maior afluencia, setembro amosou ser o mes de mellor comportamento cun total de 1.014 visitantes. Este resultado supera lixeiramente o total obtido en agosto, o tradicional mes forte do período estival, no que este ano se contabilizaron 984 persoas usuarias dos servizos de información turística.

Por outra parte, os datos estatísticos recollidos pola oficina permiten comprobar o perfil maioritariamente internacional dos visitantes que pasan polos servizos de información. Así, un total de 1.774 viaxeiros e viaxeiras chegaron a Oia procedentes doutros países (entre os que destacan EEUU, Italia, Francia e Portugal) mentres que as persoas chegadas desde outros puntos de España foron un total de 1.139. Dentro do ámbito español, os lugares de procedencia máis habituais foron Madrid, a propia comunidade galega, a Comunidade Valenciana e Andalucía.

Para a prestación do servizo o Concello de Oia contou co apoio da Deputación de Pontevedra, a través das subvencións en réxime de concorrencia competitiva destinadas ao financiamento dos custos da prestación de servizos de información e atención ao público en oficinas de turismo adheridas á rede de oficinas Info Rías Baixas do ano 2026.

Comparte este artigo