Os 20 participantes no II Obradoiro Dual de Emprego Ulla Umia: Moraña, Portas e Valga completan a formación en prevención de riscos laborais

Redacción

Remataron este módulo formativo, que complementa a aprendizaxe práctica e teórica propia das súas respectivas especialidades de carpinteiría e actividades forestais.


As 20 persoas que conforman o alumnado do II Obradoiro Dual de Emprego Ulla Umia: Moraña, Portas e Valga veñen de completar a formación en prevención de riscos laborais, unha acción formativa fundamental para o desenvolvemento seguro das actividades que levarán a cabo ao longo do programa.

Os vinte alumnos e alumnas participantes (dez da especialidade de carpintería e outros tantos da especialidade de actividades forestais) remataron este módulo formativo, que complementa a aprendizaxe práctica e teórica propia das súas respectivas especialidades.

O obradoiro, iniciado o pasado 16 de xuño e cunha duración total de nove meses, inclúe esta formación específica como parte do seu compromiso coa seguridade e a saúde laboral desde o comezo do proxecto.

O curso contou cunha duración de 60 horas, ás que se sumaron outras 6 horas de formación específica para o alumnado da especialidade de carpinteiría. Entre os principais contidos abordados figuran os conceptos básicos de seguridade e saúde no traballo, a identificación dos riscos laborais, a aplicación de medidas preventivas e as nocións de primeiros auxilios.

A formación foi impartida por persoal técnico da empresa Preveplan, que incidiu na importancia de fomentar unha cultura preventiva, sensibilizando ao alumnado sobre a necesidade de identificar e avaliar os riscos asociados á súa actividade profesional e de adoptar prácticas de traballo seguras.

Ademais desta acción formativa, todas as persoas integrantes do obradoiro realizaron os correspondentes recoñecementos médicos, dando cumprimento ás medidas de vixilancia da saúde previstas na normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.

O II Obradoiro Dual de Emprego Ulla Umia, promovido polos concellos de Moraña, Portas e Valga, continúa así o seu programa formativo co obxectivo de mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e favorecer a súa inserción laboral, garantindo en todo momento unhas condicións de traballo seguras e saudables.

Comparte este artigo