Os bombeiros de Ponteareas recibiron formación en saúde mental co equipo de profesionais da Asociación Avelaíña Saúde Mental. Na sede desta entidade en Ponteareas as psicólogas de Avelaíña impartiron coñecementos que axudarán na intervención dos bombeiros en situacións de emerxencias á hora de atender a persoas con problemas de saúde mental. A formación tivo unha duración de 4 horas e enmarcouse dentro do Programa Conecta coa Vida de prevención de condutas suicidas.
O taller tivo como obxectivos sensibilizar e empatizar coas persoas con necesidades de atención en saúde mental e achegamento a este perfil, así como analizar e dialogar sobre os perfís e características das persoas en situación de crise, ideación e conduta suicida, abordaxe e trato en situacións de intervención.
Esta formación está dirixida a profesionais dos corpos de bombeiros, Garda Civil, Policía Local, Nacional e calquera outro grupo de emerxencias e atención sociosanitaria. Ao longo de mes de maio a Asociación Avelaíña levará a cabo outras edicións deste taller.
Os bombeiros de Ponteareas participan en cursos e formacións prácticas ao longo de todo o ano para actualizarse e contar con novos recursos co obxectivo de prestar o mellor servizo posible. Neste ano recibiron un curso de rescate en altura e de excarcelación de vehículos, ámbolos dous fundamentais para intervencións áxiles e efectivos.
O parque de bombeiros de Ponteareas tamén colabora con formacións en centros educativos e asociacións co obxectivo de evitar e previr posibles situacións de risco nos fogares.