Os escolares participan nos roteiros do 8M para coñecer o papel das mulleres na historia de Redondela

adminON
Lectura mínima de 2

Nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria de diferentes centros de ensino do municipio están a participar este mes nos roteiros organizados pola concellería de Igualdade co gallo da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo. Neste percorrido denominado “Mulleres de Redondela” a rapazada está a coñecer o traballo e a pegada das mulleres do municipio ó longo da historia. A saída, da man da guía oficial Soledad Chayán,  comeza na Praza de Vilavella e remata na Fonte de Santiago. Onte foron os escolares do CEIP Reboreda os que fixeron esta excursión, na que puideron coñecer a historia da primeira muller concelleira redondelá, Carolina García Tenreiro, da mestra Ernestina Otero e outras máis descoñecidas como Lola a Jamaica ou Josefa Puga Jarabilla. A visita rematou na Casa do Concello, onde conversaron coa alcaldesa Digna Rivas, primeira muller en ostentar este cargo en Redondela, e coas concelleiras Iria Vilaboa e Pilar Martínez. Nenos e nenas de 10 e 11 anos amosaron a súa curiosidade polo traballo no Concello, e manifestaron tamén cales son as súas inquedanzas e proxectos para o futuro: ensino, farmacia, enxeñería, veterinaria ou política son algunhas das áreas de traballo polas que se decantaron para cando sexan adultos.

O xoves día 7 será o alumnado do CEIP Cedeira o que faga esta saída, e do colexio Santa Mariña farán o roteiro o día 12. No caso dos colexios de Chapela a saída realízase desde a Alameda de Rosalía de Castro e remata na Praia de Arealonga. Nesta parroquia poden coñecer o traballo das mulleres de Pescanova, das praceiras, mariscadoras, e outros oficios que foro o son moi importantes para Chapela. O CEIP Igrexa fará o roteiro mañá mércores, 6 de marzo, e o Alexandre Bóveda o vindeiro día 15.

Comparte este artigo