A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos aprobou hoxe a presentación de alegacións contra o proxecto da liña aérea-subterránea de transporte de enerxía eléctrica de 220 kV á nova subestación de Bateas, promovido por Red Eléctrica de España.
O acordo, relativo aos expedientes IN407A 2025/273-4 e IN407A 2025/274-4, fundamenta a oposición municipal nos informes técnicos elaborados durante a tramitación do estudo de impacto ambiental e das autorizacións administrativas solicitadas para as instalacións eléctricas que afectan aos concellos de Vigo, Mos e O Porriño.
Entre as cuestións sinaladas polos informes municipais figuran as posibles afeccións a bens protexidos e municipais, aos recursos hídricos subterráneos e á proximidade de captacións de auga destinadas ao abastecemento humano en uso. O Concello tamén considera insuficiente a análise ambiental específica realizada pola promotora.
O Goberno municipal quere deixar claro que Mos non pretende obstaculizar a chegada das infraestruturas enerxéticas necesarias para o desenvolvemento industrial, senón reclamar que a súa planificación sexa compatible coa protección das vivendas, dos espazos naturais, dos montes comunais, dos equipamentos e das parroquias afectadas.
O Concello reclama unha revisión do trazado
Deste xeito, a través das alegacións, o Concello solicita que se estude de maneira real, comparativa e motivada a modificación do trazado ao seu paso por Mos. Para iso, pide que se complete a análise de alternativas, incluídas a alternativa cero e a proposta municipal por corredores viarios, e que se xustifique a solución finalmente seleccionada.
O acordo reclama tamén unha avaliación suficiente das afeccións acumulativas e sinérxicas coa futura autovía A-52, así como dos posibles efectos sobre a poboación, o ruído, os campos electromagnéticos, as augas, a fauna, a paisaxe, o patrimonio e os usos do solo.
Ademais, solicítase completar o estudo de impacto ambiental cun estudo hidroxeolóxico específico e detallado, así como elaborar unha documentación específica para Mos que identifique xeorreferenciadamente as afeccións aos bens e dereitos municipais, camiños, redes de abastecemento e saneamento, accesos, zonas de acopio e ocupacións temporais. O Concello pide igualmente que se corrixan as discrepancias detectadas na relación de bens e dereitos afectados.
Solicita que non se autorice o proxecto mentres non se avalíen as alternativas
A Xunta de Goberno Local acordou solicitar que non se concedan a autorización administrativa previa e de construción nin a declaración de utilidade pública mentres non se avalíen e resolvan de maneira motivada, dentro do procedemento de avaliación ambiental, as alternativas de modificación do trazado propostas.
Así mesmo, o Concello solicita que se admitan a trámite as alegacións formuladas a partir dos informes municipais e que, unha vez realizados os trámites legais oportunos, se retiren os expedientes e se valore a emisión dunha declaración de impacto ambiental desfavorable.
O acordo inclúe tamén o traslado das alegacións a Red Eléctrica de España e a petición de colaboración institucional cos propietarios e entidades afectadas para a formulación e ampliación de alegacións. Ademais, reclama que se remitan ao Concello as respostas ás observacións presentadas e as modificacións ou ampliacións documentais que se incorporen aos expedientes.
Con esta aprobación, Mos formaliza a súa oposición ao proxecto nos termos recollidos nos informes técnicos municipais e solicita que se revisen as solucións propostas antes de avanzar na súa autorización, coa protección dos recursos hídricos, do patrimonio e dos bens e servizos municipais entre as cuestións que deben ser avaliadas.

