A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade do Concello de Redondela, que dirixe Roberto Villar, informa do peche ao tráfico da rotonda da praza de Ribadavia, coñecida como A Farola, para proceder aos traballos de asfaltado e reparación. O peche será o venres, 19 de abril, ás 20.00 horas, e manterase ata rematar as obras, sobre as 04.00 horas do sábado 20 de abril. Previamente restrinxirase o aparcadoiro na zona para permitir a actuación da maquinaria.
O tráfico será desviado polas rúas Alfonso XII e Xunqueira, e o servizo de autobuses terá tamén un percorrido alternativo.
Desde a concellería lamentan os prexuízos que poidan causar aos veciños da zona pola realización dos traballos en horario nocturno, pero decidiuse así porque é “cando menos se prexudica á circulación de vehículos e aos establecementos comerciais da zona”, explica Roberto Villar, xa que se trata dunhas obras de reparación “imprescindibles”, e o obxectivo é “evitar na medida do posible os problemas de tráfico”.
Rematada a sinalización do aparcadoiro da rúa Estación, en Chapela
Remataron os traballos de ordenación e sinalización na rúa Estación, en Chapela, para o pintado da zona de carga e descarga e a delimitación das prazas de aparcadoiro. Estes traballos responden á necesidade de permitir o traballo dos camións de recollida do lixo “que ata o de agora e debido a como estacionaban algúns vehículos tiñan problemas para acceder aos colectores”.

