Ponteareas adxudica o ciclo integral da auga con 32,5 millóns de euros de investimento para dotar de saneamento a todas as parroquias

Redacción
  • O Pleno culmina preto de dous anos de tramitación para unificar o abastecemento, a depuración e o mantemento, logrando unha redución do 30% na achega municipal.

O Pleno do Concello aprobou a adxudicación do contrato de concesión do ciclo integral da auga á empresa FCC Aqualia. Esta concesión terá unha duración de 25 anos e supón o peche de dous anos de complexa tramitación administrativa para integrar nunha única xestión o abastecemento de auga potable, o saneamento e a depuración do municipio.

O novo modelo contempla un investimento de 32,5 millóns de euros en infraestruturas hidráulicas. O obxectivo principal é resolver de xeito planificado unha débeda histórica co rural, estendendo de forma global a rede de saneamento a todas as parroquias de Ponteareas. O proxecto tamén inclúe a modernización de instalacións obsoletas, dixitalización de redes mediante sistemas GIS e melloras no control da calidade e detección de fugas.

No proceso de licitación participaron sete empresas, resultando gañadora a oferta de FCC Aqualia coa maior puntuación (94,90 puntos). O procedemento competitivo logrou mellorar as condicións económicas para o Concello: a achega municipal redúcese nun 30%, pasando dos 500.000 euros previstos a 350.000 euros anuais (8,75 millóns no total do contrato). Como mecanismo de control, o 50% desta achega municipal será variable, ligada estrictamente ao cumprimento dos indicadores de rendemento establecidos.

A concelleira Raquel Bautista sinalou que o acordo supón a “culminación dun expediente administrativo e xurídico que foi moi longo e de extrema complexidade, pero o resultado é inmensamente beneficioso para Ponteareas”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, puxo de manifesto que “estamos a falar dun proxecto estratéxico co que resolvemos unha débeda histórica co rural. O noso obxectivo é que ningún veciño ou veciña quede sen este servizo básico polo feito de residir nunha parroquia. Queremos avanzar para acabar con esa desigualdade e para que o lugar no que viva unha persoa non determine os servizos públicos aos que pode acceder”.

O Concello recalcou que o servizo seguirá sendo de titularidade pública e municipal, mantendo as funcións de control, inspección e supervisión. Tras a aprobación plenaria, ábrese agora o período legal de agarda ante posibles recursos no TACGal antes de proceder á sinatura definitiva do contrato e o inicio da nova xestión.

Comparte este artigo