Ponteareas convértese na capital da polifonía coa chegada do X Ciclo Coral “Outono en Son”

Redacción
  • O festival, organizado polo coro Mistura Vocal coa colaboación do Concello de Ponteareas, celebra a súa décima edición consolidado como un referente da música vocal en Galicia.
  • A cita terá lugar o sábado 3 de outubro no Auditorio Reveriano Soutullo e incluirá obradoiros participativos gratuítos e un concerto de alto nivel.

A Vila do Corpus volve encherse de acordes polifónicos coa celebración do X Ciclo Coral “Outono en Son”. Organizado pola formación musical Mistura Vocal e o Concello de Ponteareas, coa colaboración da Federación Coral Galega, esta décima edición especial conmemora unha década de traxectoria reunindo os mellores expoñentes do canto coral nun marco acústico e íntimo inmellorable.

O festival desenvolverase o vindeiro sábado 3 de outubro no Auditorio Reveriano Soutullo. Fiel á súa filosofía de non ser unicamente un espectáculo pasivo, a xornada arrincará no propio recinto cunha serie de obradoiros de canto común totalmente de balde e abertos ao público. En horario de mañá (11:00 horas) e tarde (16:30 horas), os asistentes poderán experimentar en primeira persoa a riqueza da música coral; destacando este ano un obradoiro infantil especial (para rapaces de entre 5 e 16 anos) impartido polo compositor Julio Rodal.

O broche de ouro chegará ás 20:00 horas co concerto principal. Nesta ocasión, o escenario acollerá a agrupacións de renome como o coro feminino Nura Ensemble Vocal, a formación ferrolá Concerto Tempo y, como non podía ser doutro xeito, o coro anfitrión Mistura Vocal, que compartirá co público asistente un repertorio variado e emotivo deseñado para os amantes da polifonía.

O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, puxo de manifesto que “”dez anos de ‘Outono en Son’ son o reflexo do amor de Ponteareas pola música. É un orgullo apoiar unha iniciativa que une aprendizaxe e espectáculo no noso auditorio. Conmemorar esta década reunindo aos mellores expoñentes do canto coral e ofrecendo formación desde idades temperás co obradoiro infantil é a mellor maneira de celebrar que a Vila do Corpus segue a ser un referente cultural vivo”.

Pola súa banda a alcaldesa, Nava Castro, sinalou que “a consolidación do Ciclo Coral ‘Outono en Son’, que cumpre xa dez anos de traxectoria, demostra a enorme importancia que ten a música e o asociacionismo na dinamización da nosa vila”. Eventos desta calidade “non só enriquecen culturalmente a Ponteareas, senón que nos proxectan cara ao exterior como un referente da polifonía en Galicia” puntualizou a rexedora. Desde o Concello “queremos deixar claro que este décimo aniversario non é unha meta, senón un impulso para o futuro: mantemos o noso compromiso firme de seguir apoiando e impulsando este festival nos vindeiros anos para que continúe medrando”, engadiu Nava. 

Desde a organización salientan o enorme éxito colleitado en anos anteriores, onde se chegou a completar o aforo dispoñible. Con esta décima edición, “Outono en Son” non só reforza a arraigada tradición coral de Galicia, senón que consolida a Ponteareas como un punto de encontro cultural imprescindible durante a tempada de outono.

Comparte este artigo