Ponteareas habilita 108 prazas de zona azul gratuíta en Mercatea para favorecer a rotación de vehículos

Redacción

Mañá entran en funcionamento as prazas reguladas, de luns a sábado, de 7:00 a 15:00 horas, cun tempo máximo de aparcamento de 90 minutos

A medida busca dinamizar o comercio local facilitando que a cidadanía atope aparcamento rápido para facer as súas compras

O sistema convive coas 120 prazas gratuítas e sen límite de tempo que xa estaban operativas na contorna para estacionamentos de longa duración.

O Concello de Ponteareas dá un paso máis na mellora da mobilidade urbana e do comercio local coa entrada en funcionamento, mañá 1 de outubro, da nova zona azul gratuíta no aparcamento do Mercado Municipal Mercatea. Trala instalación da sinalización horizontal e vertical, esta medida supón a regulación de 108 prazas situadas de xeito inmediato ao mercado para garantir o acceso fluido dos usuarios ás instalacións.

O novo sistema funcionará de luns a sábado, en horario de 7:00 a 15:00 horas, e establecerá un límite máximo de estacionamento de 90 minutos. Con esta rotación preténdese evitar de xeito prioritario que as prazas máis céntricas sexan ocupadas de forma permanente durante toda a xornada, facilitando que os veciños e veciñas atopen sitio axiña para realizar as súas compras e contribuíndo directamente á dinamización de Mercatea e dos establecementos da contorna.

A implantación destas 108 prazas reguladas complementase coas 120 prazas de estacionamento libre que xa estaban habilitadas na contorna do mercado. Este espazo alternativo non está sometido a ningunha limitación horaria nin de tempo, polo que segue a ser a opción idónea para aquelas persoas que precisen aparcar o seu vehículo durante períodos máis longos ou por motivos laborais.

A alcaldesa, Nava Castro, subliñou o propósito desta reorganización, puntualizando que con esta actuación “buscamos un equilibrio: favorecer a rotación nas prazas situadas xunto ao mercado e, ao mesmo tempo, manter as 120 prazas sen zona azul para quen necesite estacionar durante máis tempo”. A rexedora recalcou ademais que “non estamos implantando unha zona azul de pago. O estacionamento regulado é totalmente gratuíto e o seu único obxectivo é facilitar a rotación e que máis persoas poidan acceder con facilidade a Mercatea”.

Comparte este artigo