Ponteareas prepárase para acoller a primeira Carreira Popular “5+5 da Rosquilla” con 260 atletas inscritos

Redacción

• A proba deportiva celebrarase mañá, 3 de outubro, cun total de 258 participantes tras pecharse o prazo oficial de inscrición.

• A organización establece recoñecementos e medallas para os tres primeiros clasificados de cada franxa de idade nas modalidades de 5k e 10k.

Enerxetea, en colaboración co concello de Ponteareas, ten todo listo para a celebración mañá sábado, 3 de outubro, da I Carreira Popular “5+5 da Rosquilla”. A proba encherá de deporte as principais arterias do municipio a partir das 19:00 horas, tras pechar o seu prazo de inscrición cun total de 258 atletas participantes, con saída e chegada en pleno centro da vila, a Praza de Bugallal

A proba conta con dúas distancias a disputarse, a de 5 quilómetros, que é o tamaño de percorrido, e a de 10 quilómetros. Contará con diversas franxas de idade, tanto en modalidade feminina como masculina. A nivel de competición, os atletas nados entre os anos 2009 e 2011 participarán integrados na categoria F-0 ou M-0 e competirán de xeito exclusivo na distancia curta de 5 quilómetros. Pola súa banda, o reto completo dos 10 quilómetros estará reservado para as diferentes categorías que van desde a F-1 ata a F-5 e desde a M-1 ata a M-5, englobando a todos os corredores maiores de idade e Máster nados desde o ano 2008 ata 1961 ou anteriores.

Para esta I Carrera Popular “5+5 da Rosquilla”, establécense medallas para os tres primeiros clasificados nas distintas categorías da distancia de 10k así como para os tres mellores da 5k. A recollida de dorsais terá lugar mañá na Praza de Bugallal, onde estará situada a saída e a meta, en horario de 13:30h a 18:30h.

O concelleiro de Deportes, Nico Rodríguez, fixo un chamamento á participación veciñal e á prudencia na estrada. “Deseñamos un circuíto urbano moi atractivo pero esixente a nivel loxístico para acoller aos 258 corredores. Queremos que a Praza de Bugallal sexa unha festa, pero para que todo saia á perfección precisamos da máxima colaboración cidadá á hora de respectar os cortes de tráfico e os horarios de estacionamento. Convidamos a todos os veciños e veciñas a saír á rúa a animar aos atletas nesta xornada tan especial”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosou a súa satisfacción pola excelente acollida desta primeira edición e destacou o impacto positivo do evento para a vila: “Esta carreira non é só unha cita deportiva de primeiro nivel con máis de 250 corredores na rúa, senón tamén unha oportunidade estratéxica para dinamizar o noso comercio e a hostalería local. Ponteareas vai demostrar unha vez máis a súa gran capacidade para acoller eventos masivos, combinando o espírito saudable do deporte coa proxección exterior do noso municipio e das nosas traditions, representadas neste caso polas nosas prezadas rosquillas”.

Dispositivo especial
Para garantir a total seguridade dos 258 participantes e do público asistente, a Policía Local de Ponteareas, xunto cos servizos municipais, despregará un dispositivo especial de mobilidade que afectará ao tráfico rodado e ao estacionamento no núcleo urbano durante a tarde do sábado. O epicentro do evento situarase na Praza de Bugallal, onde estará situada a zona de saída e meta. Esta contorna será a primeira en pecharse ao tráfico para permitir a montaxe de toda a infraestrutura loxística.

A partir das 17:30 horas, e de xeito progresivo, activaranse os cortes de tráfico nas distintas rúas que conforman o circuíto urbano de 5 quilómetros. A circulación permanecerá restrinxida ata preto das 21:00 horas. Así mesmo, o Concello informa de que estará prohibido estacionar en todo o percorrido urbano desde a mañá do sábado. As zonas afectadas atópanse debidamente sinalizadas con paneis informativos para facilitar o despexo das vías.

Comparte este artigo