A proba contará con tres percorridos de 8, 15 e 24 quilómetros e destinará cinco euros de cada inscrición á Fundación Andrea
O alcalde do Concello de O Campo Lameiro, Carlos Costa, acompañado pola concelleira Delia Carramal e os membros do Comité Organizador Fernando Caldas, Monica Arza, Marisú Carramal, Jesús García e Candido Carramal, presentou a quinta edición da Andaina de O Campo Lameiro, unha actividade deportiva, solidaria e de convivencia que organizan conxuntamente o Concello e o Campo Lameiro C. D. e que terá lugar o domingo 20 de setembro.
Nesta ocasión, a proba deportiva non competitiva ofrecerá tres percorridos de diferente dificultade e distancia (8, 15 e 24 quilómetros) co obxectivo de facilitar a participación de persoas con distintas condicións físicas e experiencia no sendeirismo. A organización habilitará un máximo de 800 prazas, polo que recomenda formalizar a inscrición coa suficiente antelación.
O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 6 de setembro agás que se chegue á cifra máxima de inscritos de 800 persoas que se pechará antes. As inscricións poden realizarse a través da plataforma Spormaniacs, accesible mediante o código QR incluído no cartel oficial da actividade.
O prezo de participación será de 13 euros, dos cales cinco euros serán doados á Fundación Andrea, entidade que traballa en apoio das familias con nenos e nenas que padecen enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.
Todas as persoas participantes recibirán unha camiseta conmemorativa. Ademais, ao remate da andaina haberá pinchos e celebrarase un sorteo de agasallos achegados polas empresas e establecementos colaboradores.
O alcalde do Concello de O Campo Lameiro, Carlos Costa, destacou durante a presentación o carácter deportivo, social e solidario desta quinta edición, así como a súa contribución á promoción dos hábitos de vida saudables, á posta en valor da contorna natural do municipio e á dinamización da actividade local.
Os organizadores agradecen especialmente a colaboración da Xunta de Galicia, Deporte Galego e a Deputación de Pontevedra, así como a implicación das numerosas empresas, establecementos e profesionais que apoian a celebración da proba.
O Concello e o Campo Lameiro C.D. animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao sendeirismo de toda Galicia a participar nesta xornada, concibida para gozar do deporte, da natureza e da convivencia ao tempo que se contribúe cunha causa solidaria.

