Preto dun cento de nenos e nenas participan nos obradoiros de Semana Santa en Redondela e Chapela

adminON
Lectura mínima de 1

Un total de 90 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade participan estes días nas actividades organizadas pola Concellería de Servizos Sociais co gallo das vacacións escolares de Semana Santa. Os obradoiros, que se realizan nos multiúsos de Redondela (60 participantes) e Chapela (30 participantes), comezaron o pasado luns e rematarán o 1 de abril.
A rapazada, en diferentes grupos por idades, pode gozar estes días de actividades lúdicas e didácticas con xogos, manualidades con material e refugallo e dinámicas relacionadas con esta época do ano.
A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Iria Vilaboa, achegáronse esta mañá ao obradoiro que se está a realizar no multiúsos da Xunqueira. Vilaboa explica que con esta iniciativa ofrécese ás familias durante as vacacións escolares “un tempo de lecer para nenos e nenas divertido, que lles permite compartir xogos con toda a rapazada e aprender de xeito lúdico, cunhas horas de ocio de calidade”. A rexedora local sinala que estas actividades responden ao seu compromiso coas familias “poñendo en marcha iniciativas durante todo o ano cunha oferta didáctica e lúdica coa que cubrir as vacacións escolares da rapazada”.

Comparte este artigo