- A festa gastronómica por excelencia da Guarda comezará este ano ás 12:00h do primeiro venres de xullo
A XXXIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira da Guarda arranca este ano coa apertura da carpa o venres 4 de xullo ás 12:00h, mais non será ata esa tarde ás 20:30h cando escoitemos o pregón.
O pregón desta 33ª edición volve ao porto da Guarda e conta cun persoeiro de luxo, Rafa Durán. O presentador, cómico e actor de Baiona encargarase este ano do pregón da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira. Rafa Durán é coñecido polas súas múltiples facetas relacionadas co humor e a televisión, como presentador de programas e concursos da TVG como “Hit list”, “Aquí Galicia” ou “Imos de feria”.
No eido humorístico, Rafa Durán é membro do dúo cómico de improvisación teatral “Coaches de Choque” xunto Oswaldo Digón. Ademais, é moi coñecido en redes sociais como Instagram e Tiktok polos seus sketches de humor, as #Duranadas.
“Invito a todos e a todas a vir ao pregón desta Festa da Langosta, xa que contamos cun pregoeiro espectacular”, pensa o alcalde, Roberto Carrero, “que desde logo, será o arranque para outra Festa da Langosta de récord”.
Despois do pregón, os asistentes poderán continuar a degustar os pratos que se ofertan dentro da carpa. Unha carpa que este ano aumenta a súa capacidade ata os 600 comensais grazas aos seus 1.200 metros cadrados. Ademais de langosta e produtos mariñeiros, a rosca de xema, a sobremesa típica guardesa desde hai máis de 70 anos, será protagonista.