A Igrexa parroquial Santa María de Baiona acollerá, da man da Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona, o recital de poesía e música de Elba Pedrosa e Álvaro Iglesias “DES A MAR. Ultrasónico” o vindeiro 20 de agosto.
“Des A Mar Ultrasónico”, é o título deste recital poético e músical no que o compositor Álvaro Iglesias recrea en notas musicais os poemas da escritora Elba Pedrosa.
Trátase dun espectáculo orixinal no que as palabras en fusión coas notas viaxan nunha dimensión ultrasónica, e está composto por doce poemas que falan de amor, do desamor, da liberdade, do xénero, da dependencia e do futuro.
O espectáculo, que xa leva xirando por distintos puntos de Galicia, Canarias e Burgos, está baseado no libro de poemas publicado co mesmo título, DES A MAR ultrasónico, de Edicións Embora.
Elba Pedrosa ademais de escritora, con varios libros publicados en editoriais como Xerais ou Aira, é actriz e presentadora de programas de televisión, participando nesta faceta no Malicia Noticias ou no programa literario As Mil e unha páxinas, ámbolos dous na Television de Galicia.
Álvaro Iglesias é musico e compositor recoñecido nos máis prestixiosos festivais de música folk a nivel internacional, e estarán acompañados no pase polo tamén recoñecido e veciño do Val Miñor, Xosé Liz. Os dous músicos combinan o contrabaixo, a zanfoña ou a frauta para profundar nos textos da escritora residente no Val miñor.
O recital terá lugar ás 20:45h. con entrada libre.

