– O Concello de Redondela abrirá o prazo de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación municipal o próximo 21 de marzo, un día despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) tal como marca o regulamento.
– “O goberno local ampliou a tres meses o prazo de alegacións e facilitará á veciñanza un servizo técnico de información e asesoramento na Oficina de Turismo todos os días da semana desde o 21 de marzo e durante tres meses” explica a alcaldesa Digna Rivas. “A cidadanía contará tamén cun visor dixital na web do Concello para localizar de xeito sinxelo e cómodo as súas parcelas”, explica o concelleiro de Urbanismo Antonio Cabaleiro. Tamén estará a disposición da cidadanía un modelo base de alegación.
– Faranse reunións informativas en todas as parroquias co equipo técnico redactor do plan para resolver todas as dúbidas da veciñanza. “O obxectivo deste goberno é facilitarlle aos veciños toda a información e o tempo necesario para facer as alegacións que estimen oportunas” sinala Rivas.
O Concello de Redondela abrirá a exposición pública e o período de alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal o próximo 21 de marzo, un día despois da súa publicación no DOG, tal como establece o regulamento. O goberno local facilitará á cidadanía todos os medios dispoñibles para que a cidadanía coñeza o plan e poida facer as súas alegacións. O prazo que establece a normativa é dun período de dous meses, pero o goberno redondelán decidiu amplialo ata os tres meses “para favorecer que toda a veciñanza teña tempo de estudalo, saber como lle vai afectar e poida facer as alegacións que estime oportunas”, explica a alcaldesa Digna Rivas. Durante os tres meses deste período de alegacións a cidadanía terá tamén á súa disposición aos técnicos nas dependencias municipais para explicarlles todo o relativo ao planeamento urbanístico e asesoralos. Este servizo estará dispoñible desde o 21 todos os días de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas. Para facilitar o acceso da veciñanza a toda esta información o Concello contratou tamén o servizo dun visor dixital ao que poderán acceder na páxina web do Concello, tanto desde as súas casas como acudindo á oficina de información do PXOM. Dun xeito cómodo os veciños e veciñas poderán buscar a través deste visor as súas parcelas “cun funcionamento moi sinxelo e intuitivo”, apunta o concelleiro de Urbanismo Antonio Cabaleiro. Tamén estará a disposición da cidadanía un modelo base de alegación
O compromiso do goberno de Rivas é facer reunións informativas en todas as parroquias co equipo técnico redactor do plan “para resolver dúbidas e atender as inquedanzas da veciñanza”, afirma a alcaldesa. Rivas afirma que desde que chegou á Alcaldía era consciente de que a tramitación do Plan Xeral debía ser a súa prioridade, “e traballouse coa empresa redactora, funcionarios e técnicos do Concello e o resto de grupos políticos para retomar os traballos e conseguir que o documento fose unha realidade”.
O PXOM aprobouse inicialmente no pleno do pasado 21 de febreiro cos votos de PSdG, AER e PP, e a abstención do BNG, e supón un paso adiante para superar por fin as actuais normas subsidiarias de 1987, “totalmente desfasadas”, remata Rivas.

