– O torneo celebrarase do 19 ao 29 de agosto de 2026 nas instalacións municipais. As persoas interesadas teñen ata o 9 de agosto para anotarse en calquera das categorías de tenis e pádel. Trátase dunha das citas deportivas máis agardadas do calendario estival, e na pasada edición reuniu a máis de 200 participantes.
O Concello de Redondela, a través da Concellería de Deportes e en colaboración co Club Tenis e Pádel Redondela ten aberta inscrición para o VIII Aberto de Tenis e Pádel “Memorial Sesé López”. O esperado evento deportivo de verán disputarase entre os días 19 e 29 de agosto, con xornadas de descanso o 22 e 23 de agosto.
O torneo, que na pasada edición reuniu a máis de 200 deportistas, contará cun amplo abano de modalidades para garantir a participación de todos os niveis e idades:
Pádel: Categorías masculina (1ª, 2ª e 3ª), feminina (1ª, 2ª e 3ª) e mixta (1ª e 2ª).
Tenis: Dobres (masculino, feminino e mixto), absoluto masculino (-45 e +45), absoluto feminino (-45) e veteranas feminino (+45).
Haberá trofeos para os campións e finalistas de cada categoría, así como un agasallo para todos os participantes inscritos. Ademais, o recinto contará cunha zona gastronómica con servizo de cafetería dispoñible durante todo o torneo para ofrecer comodidade a xogadores e asistentes.
O prazo para anotarse xa está aberto e rematará o vindeiro 9 de agosto ás 23:59 horas. As persoas interesadas en participar ou solicitar máis información poden facelo a través da web https://ctpredondela.duckdns.org/movil/.

