O Multiúsos da Xunqueira acolle mañá martes, 2 de xuño, un debate sobre a sostibilidade mariña global. A cita é ás 19.00 horas. Trátase dunha das actividades do proxecto transdisciplinar Mariscando conCiencias para o Futuro, unha iniciativa que fusiona arte cidadá, pesca artesanal e divulgación científica para imaxinar o porvir da Enseada de San Simón. O evento, que inclúe relatorios de expertos e unha mostra fotográfica, pon o foco en conectar a realidade das mariscadoras galegas cos retos ambientais, sociais e económicos que afrontan comunidades pesqueiras de países como O Salvador, México ou Xapón.
Ana González, de Cidadanía S.Coop. galega presentará o proxecto “Mariscando conCiencias para o Futuro” e as mariscadoras locais Gloria Rivas e Ana Sotelino debaterán xunto coa investigadora Carmen Morales sobre o impacto ambiental e social do marisqueo a pé. O programa continúa cun panel internacional sobre pesca artesanal en México, Xapón e o resto do mundo, a cargo de Xochitl Édua, Elena Ojea e Alejandro Quiñoá. Finalmente, inaugurarase a exposición fotográfica «Mulleres do mar do Salvador e Galicia», organizada pola Asamblea de Cooperación pola Paz.
Esta xornada supón o colofón a dous meses de intensa actividade comunitaria en Redondela. Durante o mes de abril, o colectivo de danza de Eva Comesaña, Alejandra Balboa e Paula Pombar realizou obradoiros de movemento coas mariscadoras para deseñar a coreografía final do proxecto, que contará coa música de Acacia Ojea. En maio, a iniciativa traspasou fronteiras locais ao presentarse na IV Feira da Sostibilidade Eco-Étika de Pontevedra e no I Congreso Ibérico de Pesquerías Artesanais en Cantabria. O proxecto conta co impulso de Cidadanía, Amarturmar, Future Oceans Lab, Arte Lixo, o Concello de Redondela e o financiamento da Fundación Daniel & Nina Carasso.
As persoas interesadas en asistir á xornada de mañá poden confirmar a súa praza no teléfono 627 096 062.

