Redondela celebra a III Carreira Contrarreloxo por Equipos

adminON
Lectura mínima de 2

Este sábado, día 21, Redondela acolle a III edición da Contrarreloxo por equipos Concello de Redondela, organizada pola concellería de Deportes do Concello de Redondela, co patrocinio de Rodavigo e a colaboración da Asociación Deportiva C.A.R.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, presentaron esta terceira edición da carreira, que coincide co 12º aniversario do CAR, xunto aos directivos do club Pilar Nieto, Manuel Ulla e a presidenta Ana Romasanta. Tanto desde o Concello de Redondela como desde o club de atletismo animan aos amantes do atletismo a sumarse a este evento deportivo, que rematará cun concerto do grupo local Pikota FM.
A proba comezará ás 19 horas e discorrerá por un percorrido urbano, completamente pechado ao tráfico, cunha distancia de 5 quilómetros. A saída da carreira será desde a Alameda Castelao e a meta na rúa Alfonso XII, fronte á Casa do Concello.
Poden participar na contrarreloxo corredores a partir da categoría Sub16. Os equipos estarán formados por entre 4 e 6 compoñentes e establécense tres categorías: equipos masculinos, femininos ou mixtos. Como premio, os tres primeiros de cada categoría recibirán unha cesta con produtos gourmet (valoradas en 150, 100 e 75 euros, respectivamente).
As inscricións deben facerse na páxina www.cronotec.es e pecharán o mércores, día 18 de setembro, ás 12 da noite. Para máis información o teléfono de contacto é o 667833100.

Comparte este artigo