Redondela celebra o Día Nacional da Atención Temperá cun servizo de proximidade en auxe

Redacción

– O servizo de atención temperá da agrupación de Concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos e Fornelos leva tres meses de funcionamento, e atendeu xa a ducias de familias da comarca. Redondela canaliza o groso das solicitudes con 29 casos.

– Hoxe celébrase o Día Nacional da Atención Temperá baixo o lema “Todas as familias e os profesionais unidos/as pola atención temperá”. Coincidindo con este manifesto, o centro redondelán centra os seus esforzos “en escoitar as necesidades de cada fogar para ofrecer ferramentas personalizadas”.

O servizo, situado nas instalacións municipais na rúa Reveriano Soutullo, conmemora hoxe o Día Nacional da Atención Temperá. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Servizos Sociais e Infancia, Iria Vilaboa, fan un balance moi positivo deste recurso de proximidade. O pasado 12 de marzo comezou a funcionar e desde o Concello valoraron de xeito moi positivo “a excelente acollida comunitaria deste servizo”, que presta tamén atención a familias de Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.

A conmemoración deste ano realízase baixo o lema nacional “Todas as familias e os profesionais unidos/as pola atención temperá”. Coincidindo con este manifesto, desde o centro sinalan que o obxectivo é “escoitar as necesidades das familias” para ofrecer apoio e ferramentas “adaptadas a cada realidade”. Deste xeito, os momentos cotiáns —como o xogo, as rutinas ou a comunicación— convértense en oportunidades clave para o desenvolvemento infantil. Neste obxectivo traballa o equipo multidisciplinar do centro, formado por unha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta pediátrica.

A alcaldesa salienta o impacto directo do centro nos fogares do municipio. “A apertura deste servizo na vila supón un antes e un despois para as familias de Redondela, que agora contan cun apoio público, gratuíto e especializado sen realizar longos desprazamentos”, suliña a rexedora. Rivas engadiu que “ofrecer unha resposta rápida ás crianzas alivia a carga emocional e económica das nais e pais, demostrando que investir en atención temperá é investir no futuro e na calidade de vida da veciñanza”.

O centro rexistrou desde a súa apertura 43 demandas de familias, das cales 26 xa foron atendidas. Redondela encabeza as solicitudes con 29 casos, seguida de Soutomaior con 9, Pazos de Borbén con 5 e Fornelos con 1. O crecemento nas solicitudes de atención foi exponencial desde o inicio da atención directa ás familias no pasado mes de maio.

O servizo, integrado na Rede Galega de Atención Temperá, está cofinanciado pola Unión Europea (Programa FSE+ Galicia 2021-2027).

Comparte este artigo