Redondela convértese na capital de remo estatal coa chegada da Liga ACT a Chapela este sábado

Redacción

– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca o “fito histórico” que supón acoller ás 20 mellores traiñeiras masculinas e femininas do país. A rexedora pon en valor “o gran esforzo deportivo e organizativo” do CR Chapela neste evento da elite do remo español.

– O Concello pon en valor o gran movemento veciñal e comercial para recibir a máis de 3.000 visitantes. Rivas anima á cidadanía a achegarse ao paseo de Chapela para gozar do espectáculo do remo e apoiar á embarcación local.

O Concello de Redondela vístese de gala este sábado para acoller un dos eventos deportivos máis importantes do ano en Galicia: a celebración da sexta Bandeira Masculina Chapela-Concello de Redondela e a quinta xornada da Liga Euskotren feminina (Bandera Ametsa Obras). O paseo marítimo de Chapela recibirá aos 20 mellores equipos de remo de elite do Estado, reunindo a doce clubs na categoría masculina e oito na feminina.

Esta mañá presentáronse na praza do Concello as dúas bandeiras coa participación de Digna Rivas, Alcaldesa de Redondela, Antonio Cabaleiro, concelleiro de Deportes; Antonio Viaño, Presidente do Club de Remo Chapela e Daniel Vázquez, membro da Xunta Directiva da ACT. A sexta xornada puntuable será a primeira a disputarse en Galicia. A primeira quenda da Bandeira Ametsa Obras comezará ás 17:25 horas coa participación das 8 mellores tripulacións femininas da cornixa cántabro-atlántica. A VI Bandeira Masculina Chapela – Concello de Redondela, dará comezo ás 18:20 horas.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou o seu “orgullo institucional e veciñal” ante esta gran cita, que situará ao municipio no mapa deportivo estatal. “A chegada da Liga ACT a Chapela non é só un premio ao esforzo deportivo do club, senón un fito histórico para toda Redondela”, declarou a rexedora. A organización dunha proba de categoría ACT esixe unha loxística moi complexa, polo que agradeceu o gran traballo da directiva do Club de Remo Chapela e a colaboración de toda a parroquia “con asociacións, piscina municipal e comercio colaborando para que sexa un éxito”.

Prevese que máis de 3.000 persoas cheguen a Chapela durante a fin de semana. O Concello destaca o enorme impacto económico directo que isto suporá para a hostalaría, o comercio e o sector hoteleiro local. Para facilitar o seguimento das regatas, habilitarase unha gran “Fan Zone” con pantallas xigantes onde o público poderá gozar de produtos gastronómicos e seguir ao detalle a competición. Digna Rivas tamén quixo enviar unha mensaxe de ánimo aos deportistas locais para esta regata tan esixente. Tamén fixo un chamamento á veciñanza para que acuda ao paseo de Chapela a gozar deste gran espectáculo do remo e apoiar á embarcación local.

Comparte este artigo