Redondela demanda á Xunta Galicia a creación de vivenda pública e máis axudas para o alugueiro

adminON
Lectura mínima de 4
  • A corporación de Redondela aprobará esta tarde unha moción na que insta á Xunta de Galicia a promover un parque permanente de vivenda pública, facer plans de rehabilitación de vivendas baleiras e a aumentar o orzamento do Programa de axudas ao alugueiro para garantir o dereito á vivenda a todas as persoas que cumpran os requisitos para ser beneficiarias.
  • A iniciativa dunha veciña que recolleu máis de 3.000 sinaturas reclamando políticas de promoción pública de vivenda levou aos partidos a presentar unha moción conxunta á que se sumaron tres dos catro grupos da corporación: PSdG, BNG e AER.
  • O Concello comprométese a crear este ano a súa propia ordenanza do réxime de alugueiro turístico e a estipular no Plan Xeral de Ordenación Municipal a máxima porcentaxe de vivenda pública que legalmente se permita.

A corporación de Redondela aprobará esta tarde unha moción na que insta á Xunta de Galicia a promover un parque permanente de vivenda pública que respalde o dereito de todas as persoas a unha vivenda digna en todos os núcleos urbanos onde exista unha gran demanda, como é o caso de Redondela. O escrito demanda a creación de medidas e plans efectivos como a rehabilitación de vivendas baleiras para aumentar a oferta de pisos e reducir os prezos, co que se facilitaría o acceso universal á vivenda. Por outra banda ínstase á Xunta a aumentar o orzamento do Programa de axudas ao alugueiro para garantir o dereito á vivenda a todas as persoas que o soliciten e cumpran os requisitos para ser beneficiarias.
O acceso a unha vivenda digna, malia ser un dereito recollido na Constitución, é un obxectivo imposible para moitas persoas tanto e réxime de propiedade como de alugueiro. O estoupido da burbulla inmobiliaria a partir do ano 2008 supuxo un aumento nas desigualdades e miles de familias, mesmo con certa estabilidade laboral, xente moza e colectivos en risco de exclusión social non gozan dese dereito. A entrada no mercado dos “pisos de alugueiro turístico” agravan aínda máis esta situación, e Redondela é un claro exemplo cun aumento exponencial de vivendas que agora se dedican a este uso, polo que os alugueiros residenciais diminúen e os prezos encarécense.
Esta situación de frustración e indignación social foi a semente de iniciativas cidadás como a da veciña de Redondela Carmen Lobato. Ela recolleu máis de 3.000 sinaturas reclamando políticas de promoción pública de vivenda no municipio redondelán. A petición de Lobato os partidos políticos presentaron esta moción conxunta á que se sumaron tres dos catro grupos da corporación: PSdeG, BNG e AER,
Ás portas do debate sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal, o concello de Redondela comprométese a establecer este ano a súa propia ordenanza para regular o alugueiro turístico e a establecer no PXOM a máxima porcentaxe de vivenda pública que legalmente se permita.

Comparte este artigo