A Concellería de Infraestruturas e Sustentabilidade do Concello de Redondela informa da finalización das obras de mellora no Camiño das Cabritas, na parroquia de Quintela. A intervención tivo como obxectivo principal solucionar os problemas de falta de presión na rede de abastecemento que afectaban a varias vivendas da zona. Para elo, procedeuse á renovación integral da instalación, substituíndo a antiga condución por unha nova tubaxe de maior sección, garantindo así un caudal e presión óptimos para os residentes.
Aproveitando a apertura de gabias para a mellora hídrica, o Concello tamén levou a cabo o arranxo do firme en varios tramos do camiño que se atopaban deteriorados, mellorando así a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas.
Estes traballos foron froito da colaboración conxunta entre o Concello de Redondela e a empresa concesionaria Aqualia, reafirmando o compromiso do goberno local coa mellora dos servizos básicos e das infraestruturas no rural.

