– A Alameda Castelao acolleu a celebración das Letras Galegas cun acto no que participaron estudantes e a directora do IES Mendiño, a xornalista Carolina Sertal e a libreira Tania Lago.
– A alcadesa, Digna Rivas, lembrou que o galego é un elemento “de unión e un compromiso” que nos identifica como pobo. Rivas reivindicou o legado de Caamaño como “unha muller comprometida e feminista que puxo o foco nos retos da nosa sociedade”.
Redondela, 17 de maio de 2026. O Concello de Redondela celebrou esta mañá o acto institucional co gallo do Día das Letras Galegas na Alameda Castelao. O acto centrouse na posta en valor do noso idioma e na homenaxe á xornalista, escritora e activista feminista Begoña Caamaño. A xornada comezou coas notas musicais da alborada a cargo do gaiteiro Olimpio Xiráldez. O técnico de Normalización Lingüística do Concello, Xurxo Martínez, foi o encargado de presentar o acto, no que interviron a directora do IES Mendiño, Carmen Vallejo e alumnado do centro. Alba, Anxo, Irene, María e Nerea realizaron unhas emotivas dramatizacións baseadas en textos de Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul, achegando o universo literario de Caamaño a todo público. A libreira Tania Lago e a xornalista Carolina Sertal achegaron a súa visión sobre as literatura galega, o papel das mulleres neste sector e o compromiso social da homenaxeada.
Un proxecto de lingua para todo o ano
A alcaldesa, Digna Rivas, quixo gabar o traballo do tecido asociativo local, escolas públicas, institutos e asociacións que fixeron diferentes actos ao redor das Letras Galegas. A rexedora insistiu en que o coidado do galego non debe limitarse a unha única xornada festiva, polo que desde o Concello promóvense actividades ao longo de todo ano como os contacontos musicados, a iniciativa “Unha semaniña enteira”, as xornadas de Ciencia en Galego, e a recollida de toponimia en todas as parroquias, entre outras. Para rematar, Digna Rivas fixo un chamamento á cohesión social e política en Redondela ao redor do patrimonio lingüístico. “O galego é un compromiso que identifica a Redondela desde hai moitos anos, somos un exemplo de que a lingua é un elemento de unión”.
O evento concluíu de forma moi emotiva coa tradicional ofrenda floral na estatua de Castelao e a interpretación do Himno de Galicia.

