Redondela renova a área de recreo de Cesantes con novas mesas e bancos

adminON
Lectura mínima de 2

A área de esparexemento da praia da Punta, en Cesantes, conta con novas mesas e bancos a disposición da veciñanza. As concellerías de Medio Ambiente e Infraestruturas, ante o mal estado que presentaba a zona de merendeiro, acometeron os traballos de mellora. Esta zona verde, que contaba con 24 mesas e os seus respectivos bancos, suma agora un total de 26 mesas. Instaláronse 17 mesas novas, con bancos abatibles, e mantivéronse 9 das xa existentes que conservan en bo estado.
A concelleira Pilar Martínez explica que esta actuación enmárcase dentro dos traballos de mellora que o departamento de Medio Ambiente está a facer no areal e na súa contorna “porque a preocupación do goberno local é que este espazo natural estea nas mellores condicións posibles tanto para a veciñanza como para os visitantes”. Nos meses de inverno xa se realizaron varias limpezas na praia e a súa contorna, e agora acondicionouse esta zona verde con novas mesas e bancos “xa que era necesario porque algúns deles estaban moi deteriorados”.
O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que o novo mobiliario fixouse ao terreo cunha base de polímero plástico “que evita o seu deterioro de cara ao futuro”.

Comparte este artigo