Redondela une música tradicional e grandes concertos para celebrar o Día Nacional de Galicia

Redacción

– O Concello de Redondela celebrará o Día Nacional de Galicia os días 24 e 25 de xullo cunha ampla programación con música tradicional e grandes concertos gratuítos. A celebración arrancará na Praza da Torre cos grupos de música e baile tradicional de Redondela, e trasladarase o sábado ao Paseo Marítimo de Chapela coas actuacións de De Vacas, Dakidarría e Hugo GZ.

O Concello de Redondela presenta a programación oficial completa para conmemorar o Día Nacional de Galicia. As actividades estenderanse durante dúas xornadas consecutivas, combinando os actos tradicionais en Redondela cos grandes concertos de música galega no Paseo Marítimo de Chapela. A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a relevancia desta programación “que pon en valor o orgullo pola nosa cultura, a nosa lingua e a nosa identidade a través de propostas musicais diversas e de calidade”. A rexedora subliñou ademais a importancia de descentralizar as celebracións: “Apostamos coma sempre por estender a celebración a Chapela cun gran cartel musical o día 25, garantindo que a veciñanza poida gozar dunha programación de calidade en diferentes espazos de encontro do noso concello”.

A programación arrancará o venres 24 de xullo na Praza da Torre co acto institucional ás 20:30 horas, seguido das actuacións folclóricas dos grupos redondeláns Anaquiños, Froles Mareliñas, Airiños de San Simón e O Carballo das Cen Pólas.

O sábado 25 de xullo o epicentro da festa trasladarase a Chapela cun potente cartel de entrada libre que se prolongará ata a madrugada. Os concertos do 25 de xullo no Paseo Marítimo de Chapela comezarán ás 20:30 con Noiteson, aos que continuarán  De Vacas, Dakidarría0 e Hugo GZ.

“Este ano temos unha programación moi ambiciosa coa que garantimos dúas xornadas de celebración de gran calidade cos mellores grupos de música e baile tradicional de Redondela e grandes artistas do panorama galego”, apunta Rivas. Dende o Concello convídase a toda a veciñanza e visitantes a participar activamente nestas dúas xornadas de festa colectiva.

Parte da programación está financiada polo programa +Música da Deputación de Pontevedra.

Comparte este artigo