Forman parte do programa conmemorativo do 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui
Ata final de mes, cando se clausura o Ano Xubilar polos 800 anos da consagración da catedral de Tui o 30 de novembro de 1225, continúan abertas ao público dúas actividades que forman parte do programa conmemorativo desta efeméride que ven desenvolvendo o Concello de Tui.
Por unha banda, a catedral tudense acolle “Relicario” unha intervención artística do creador tudense Carlos Fer, que ofrece esta mostra de arte contemporánea nun espazo patrimonial marcado pola arte románica e gótica, nunha mestura certamente atrevida e atractiva. “Relicario” nace da inspiración de Carlos Fer, que xunto á súa mocidade presenta unha traxectoria artística de grande alcance, e que significa a primeira ocasión en que presenta a súa obra artística na súa cidade natal.
Paralelamente a Sala Municipal de Exposicións acolle a exposición fotográfica “A penumbra do tempo: 800 anos de luz e sobra na catedral de Tui” de Gus Abreu con trinta fotografías en gran formato que sorprenden a todos os visitantes. Gus Abreu conta cunha ampla traxectoria no campo audiovisual, tanto en fotografía como en vídeos e na edición deste tipo de materiais, e con esta exposición mostra a súa ollada sobre o elemento referencial do patrimonio tudense como é a catedral de Santa María e ofrecendo unha ollada diferente do seu valor patrimonial.
Relicario é unha intervención artística site-specific realizada para a Catedral de Santa María de Tui polo artista tudense Carlos Fer. A obra nace da Capela das Reliquias, unha sala integrada na arquitectura do templo onde un altar do século XVIII custodia distintas reliquias dos santos, gardadas en compartimentos e armarios. Chamamos relicario a ese estoxo que coida e preserva aquilo que contén.
Como contas dunha gargantilla ou pregarias dun rosario, as pezas organízanse en oito colares que agora viste o monumento. Os seus oito deseños diferentes están gravados con motivos recollidos e escaneados na Capela das Reliquias, de maneira que cada peza honra as reliquias que alí se conservan, mais tamén os propios relicarios que as conteñen, que pasan a converterse en novos obxectos para venerar e protexer. A catedral queda así vestida cos seus propios recordos.
Toda a intervención está pensada para convivir coa arquitectura do lugar en lugar de impoñerse sobre ela. O material transparente permite ver o espazo e deixa pasar a luz que entra no templo, para contemplar ao mesmo tempo a súa estrutura, os seus altares e a instalación, sen interferencias. A obra tampouco toca o chan, xa que flota suspendida das naves superiores.
Esa suspensión é, ademais, o corazón da peza. Ao quedar colgada no alto, Relicario alude ao celestial e ao divino, a ese fío que une o ceo coa terra. A luz natural atravesa o filamento e refráctase nos cristais, proxectando reflexos e brillos sobre as columnas, os muros e as figuras do templo. A instalación enlaza así o sagrado e histórico da catedral coa arte e a tecnoloxía do noso tempo.
Completan a obra outros colares formados por centos de pequenos cristais. Non levan reliquias gravadas, xa que fan referencia ao que aínda está por vir, a todos os anos e recordos que a catedral aínda ten por crear, por gardar e por compartir coa cidade de Tui, cos seus habitantes e visitantes. Relicario presenta uns recordos vivos que celebran o oitavo centenario do monumento ollando cara ao seu pasado, mentres deixa un espazo aberto e luminoso aos séculos que ten por diante.
Carlos Fer (Tui, 1997) é artista visual, docente e investigador. Doutor pola Universidade de Vigo en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, foi docente na ESDIR, a EASD Pablo Picasso e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa práctica abarca pintura, cerámica, videoarte e instalación, con atención á materialidade, á suspensión, ao peso e a apertura da pintura cara ao espazo.
Ten catro exposicións individuais recentes: Relicario (Catedral de Santa María de Tui, 2026), Limiares Acuosos (Casa da Cultura Galega, Vigo, 2025), Letting the Painting Fall (Sint-Lukas Gallery, Bruxelas, 2025) e Pregar a Pintura, comisariada no Museo Provincial de Pontevedra (2024). Participou en bienais como a XXVI Bienal de Cerveira (Portugal, 2026), XXXII Bienal de Pontevedra (2025) ou a XV Bienal de La Habana (Cuba, 2024) e en en mostras colectivas en lugares como a Cité internationale des arts (París, 2026), na Fundación Luis Seoane (A Coruña, 2024), na Valentiny Foundation (Luxemburgo, 2023), ou no Palacio Euskalduna (Bilbao, 2023).
As súas residencias e estadías de investigación inclúen a CIDA de París (2025–2026), a Fundación Nicole & Walter Leblance a LUCA (Bruxelas, 2025), Matadero Madrid (2025), a Bibliothèque historique de la Ville de Paris (2026) o programa Nortear da AECT (2024 e 2026), e o Pazo de Mariñán (2023 e 2026). Foi seleccionado nas bolsas Novos Valores da Deputación de Pontevedra (2025), no Programa In Situ da fundación Daniel e Nina Carasso (2025) e finalista no X Premio Cervezas Alhambra Arte Emergente ARCO (2026).
Entre os seus recoñecementos destacan o Premio Adquisición no XIX Isaac Díaz Pardo, (2025); Premio do XVIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense (2025), o V Premio Crea (2025), Premio de Investigación en artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas (2025), Premio do Público do VII Festival Internacional de Cine Intersección (2024) e o Primeiro premio do XXI Certamen de Pintura da UVigo. O seu traballo forma parte de diferentes coleccións públicas e privadas.
“A penumbra do tempo: 800 anos de luz e sobra na catedral de Tui” é unha exposición fotográfica que recolle unha escola de imaxes da catedral tudense realizadas polo fotógrafo Gus Abreu.
O propio fotógrafo describe así esta exposición tan especial: Debido ao meu traballo en vídeo na gravación de diferentes eventos, estiven moitas veces eu só na catedral, mesmo ás veces fóra do horario aberto ao público. Neses momentos é cando sentes todo o peso dos seus 800 anos de historia, e aí naceu o meu desexo de reflectir esa sensación nunha fotografía. Eses séculos pesan demasiado. Se pretendes abarcalos todos cunha cámara, a tendencia natural é disparar ao grande, ao monumental, ao que xa fotografaron centos de persoas antes ca min
Decidín facer xusto o contrario. Apaguei a présa e dediqueime a camiñar amodo, a mirar o que normalmente queda fóra de plano. Levo máis de trinta anos nisto da fotografía —aprendín a mirar entre o cheiro dos químicos no laboratorio e hoxe sigo facéndoo diante do monitor—, e se algo teño claro é que a foto boa case nunca está no centro da nave. Está nun capitel que ninguén mira porque queda moi alto, na fenda dun muro, ou nesa mancha de luz que dura dez minutos contra a pedra fría e despois desaparece ata o día seguinte.
En moitas destas imaxes asoman rostros: caras esculpidas en pedra ou talladas en madeira, figuras que pasamos por alto e que, de súpeto, parecen devolver a mirada a quen as observa. Ao reproducir estes detalles a gran formato, esas cousas minúsculas cambian de escala e collen unha forza que antes non tiñan. Convídovos a deter a présa un momento e descubrir eses segredos e miradas que a materia, a sombra e os séculos gardaron para nós.

