O goberno do Concello de Ponteareas respecto á suposta denuncia do grupo municipal do BNG ante a fiscalía pola contratación das vallas das festas do Corpus Christi aclara que a día de hoxe non ten constancia oficial, tan só declaracións nos medios de comunicación, desta suposta denuncia e que este expediente de contratación conta con todos os informes xurídicos e económicos favorables conforme a súa legalidade.
O Concello de Ponteareas para difundir e por en valor a Festa de Corpus Christi declarada recentemente BIC na categoría inmaterial aprobou o 29 de abril un expediente de contratación por urxencia do subministro, montaxe, mantemento e desmontaxe do vallado para a procesión. Este expediente de contratación conta con todos os informes xurídicos e económicos favorables así que se ofertou por 98.010 euros, publicándose na Plataforma de Contratación del Sector Público do Estado, garantindo deste xeito a publicidade da oferta.
Pouco despois o Concello conseguiu no mes de maio unha achega da Deputación de Pontevedra para a difusión e posta en valor da Festa de Corpus Christi por valor de 162.732,50 euros e outorga á única empresa que se presenta a contratación do vallado de Corpus por 80.000 euros.
Co obxectivo de cumprir o prazo de entrega dos traballos encargados polo Concello a empresa, que xa contaba coa comunicación da proposta de adxudicación, comezou os traballos uns días antes de recibir a adxudicación baixo a súa conta e sabendo que resultara ser a única empresa que se presentara.
Posteriormente durante a realización dos traballos previos á colocación das vallas e tras recibir queixas das persoas que calzan tacóns o Concello viuse na obriga de mercar tapóns que non entraban dentro do contrato de vallas e evitar así que quedasen perforacións no solo mentres non se colocaban as vallas, un traballo que non se podía facer ata o propio día das festividades para non interromper o día a día das persoas.
Para isto o Concello mercou 2.600 tapóns a través dun contrato de subministro por valor de 14.518, 79 euros que conta con todos os informes xurídicos e económicos que avalan a súa legalidade.

