O Centro Juan María presenta Revelando o Invisible, unha exposición que poderá visitarse do 21 de outubro ao 8 de novembro na Praza de Abastos de Baiona.
A mostra nace dun proxecto creativo protagonizado por persoas con discapacidade intelectual do Centro Juan María, no que a fotografía e a intelixencia artificial únense para expresar algo moi privado: os seus gustos, as súas afeccións, os seus recordos, as súas emocións e tamén aquilo que imaxinan ou soñan.
Todo comeza cunha fotografía tomada polos propios participantes en distinto lugares do Val Miñor. A partir dela, cada persoa decide que quere contar e como lle gustaría transformar esa imaxe. A intelixencia artificial convértese así nunha ferramenta que lles axuda a facer visible aquilo que moitas veces resulta difícil expresar con palabras.
Detrás de cada obra hai moito máis que unha imaxe. Hai unha persoa, unha historia e unha forma única de mirar o mundo.
O resultado é unha exposición chea de imaxes sorprendentes e moi diferentes entre si, que invita o visitante a mirar un pouco máis aló do que ve a primeira vista.
Con Revelando o Invisible, o Centro Juan María quere compartir o talento e a creatividade dos seus participantes e, sobre todo, ofrecerlles un espazo onde poidan contarnos quen son desde a súa propia mirada.

