“Salceda en festa” representarase por vez primeira en Salceda despois de máis de cen anos

Redacción

A obra estreouse en Bos Aires no 1917, e ata agora nunca fora representada en Europa.

O IES Pedras Rubias foi o encargado de recuperar o texto e preparar a súa representación.

O Auditorio Municipal de Salceda acollerá este domingo ás 20.30 a estrea europea da obra “Salceda en Festa”, unha mostra do teatro popular galego escrito na emigración arxentina a principios do século XX. Situada na parroquia de Entenza, en Salceda de Caselas, amosa de xeito costumista o ambiente festivo da súa veciñanza na celebración dunha romaría, á que asiste un mozo emigrante retornado a súa vila natal en compaña do seu protector arxentino.

A obra foi escrita en Bos Aires por “Don Crispín”, seudónimo do salcedense Antonio Fernández Lorenzo, e por Manuel González Iglesias, coñecido como o “Xastre de Lalín”, natural desa localidade galega, ambos moi relacionados co Centro de Protección Agrícola de Salceda, fundado por emigrantes en 1913 na cidade arxentina. Representouse por primeira vez o 13 de outubro de 1917 no Orfeón Español coincidindo coa festa de celebración do cuarto aniversario do Centro salcedense na emigración, e foi tal o seu éxito que se representaría novamente en 1919, e en distintas ocasións ao longo da década dos vinte. Contou con música propia, composta polo compostelán Humberto Míguez Rúa, quen dirixiu a orquestra na súa estrea, destacando a composición do pasodobre titulado “Salceda” que serviu de preámbulo naquela ocasión. Sería publicada por entregas entre outubro de 1924 e xuño de 1925 no xornal “El Agrario”, que daba voz ás inquedanzas do Centro de Protección Agrícola de Salceda en Bos Aires.

A obra represéntase por primeira vez neste 2026 en terras galegas, conxuntamente entre alumnado e profesorado do IES Pedras Rubias, en colaboración coa Banda Cultural de Salceda que aporta a música en directo, e o Rancho Tradicional da Feira, e co apoio do Concello de Salceda de Caselas.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, quixo trasladar os seus parabéns ao IES Pedras Rubias, e especialmente a Fernando Telle, polo traballo realizado na recuperación desta obra histórica: “é un auténtico privilexio contar con unha sociedade así de comprometida. Fernado Telle e o IES Pedras Rubias veñen de facer un traballo espectacular tanto na recuperación do xornal “El Agrario” como agora co “Salceda en Festa”, do cal non podemos estar máis orgullosas”.

A representación celebrarase en dúas sesións, o domingo 21 e o xoves 25, ás 20.30, e para poder asistir é preciso recoller o convite na Casa da Cultura Castelao (ou no propio Auditorio o día da representación se non se esgotan antes).

Comparte este artigo